O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou esta mañá o concello de Baleira para apoiar á veciñanza na súa reivindicación dun médico estable no centro de saúde. Durante o encontro, advertiu de que a situación que atravesa este municipio «non é un feito illado», senón a consecuencia dun problema que se repite sistematicamente no rural galego.
Besteiro acompañou aos veciños e veciñas que levan meses denunciando a falta reiterada de profesionais. “Non estamos ante unha incidencia puntual; falamos dun problema estrutural froito de máis de 16 anos de políticas do PP na Xunta e das decisións que Rueda toma desde o seu despacho”, sinalou o líder socialista.
Ao seu xuízo, Baleira é o reflexo do debilitamento progresivo da atención primaria. Besteiro lembrou que se trata de concellos moi envellecidos, con poboación con problemas de mobilidade para a que cada ausencia médica supón unha barreira crítica no acceso á saúde.
Actualmente, no centro de saúde de Baleira:
- As xornadas sen consulta son habituais.
- Os horarios vense reducidos a apenas catro horas.
- As citas demóranse xa ata mediados de marzo.
- A veciñanza vese obrigada a desprazarse a outros concellos ou ao PAC do Corgo para servizos básicos.
O líder socialista puxo en valor o traballo da agrupación local e do seu voceiro, José Tellado, quen leva meses esixindo unha atención sanitaria permanente e digna para o municipio.
Besteiro asegurou que o PSdeG trasladará a demanda de Baleira ao Parlamento de Galicia. Alí, insistirá en que o PP apoie a proposta socialista para blindar por lei a cita no médico de cabeceira nun prazo máximo de 48 horas. «É unha medida de sentido común. Sen un acceso rápido ao médico de familia, o sistema colapsa e quen paga as consecuencias é sempre a cidadanía”
Homenaxe a Paula Alvarellos
Tras o acto en Baleira, Besteiro desprazouse a Lugo para participar na homenaxe á exalcaldesa Paula Alvarellos, coincidindo co primeiro aniversario do seu falecemento. O secretario xeral destacou a súa figura como unha muller que viviu a política «con honestidade e responsabilidade».
“Perdemos unha compañeira e unha amiga. O recordo que queda dela é o dunha muller comprometida, profundamente humana e moi ligada á súa cidade. Ese é o legado que queremos celebrar hoxe”, concluíu.