Unha importante acumulación de restos de obra e escombros na zona de Agro da Vella, no Milladoiro, desatou as queixas veciñais e a reacción de UCIN Galicia, que exixe ao Concello de Ames unha actuación urxente no punto.
Segundo a formación municipalista, as imaxes achegadas polos residentes amosan unha gran cantidade de materiais de construción depositados na vía pública sen ningún tipo de protección fronte ao vento ou á chuvia.
O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, instou ao Goberno local a «deixar de mirar para outro lado» e actuar de inmediato: «Os veciños non teñen por que soportar po e sucidade diante das súas casas. Non basta con facer obras, hai que supervisar como se executan e como se xestionan os residuos».
Riscos para as vivendas e a rede de saneamento
Dende a formación lembran que os residuos de construción e demolición están suxeitos a unha normativa estrita. Nivel de alerta especial xera o impacto ambiental e loxístico: en días de vento, o po dispérsase cara aos portais e vivendas; mentres que, coa chuvia, os materiais corren o risco de ser arrastrados cara aos sumidoiros, podendo colapsar a rede de saneamento.
Por iso, UCIN solicita que os servizos municipais inspeccionen a zona, determinen responsabilidades e ordenen a limpeza inmediata do espazo.
Calo: «Ames necesita menos propaganda e máis control»
Calo fixo fincapé na falta de vixilancia municipal nas rúas do municipio: «A xente paga impostos para ter servizos e control. O que non pode ser é que os veciños teñan que convivir cos problemas e seren eles os que avisent unha e outra vez».
«Ames necesita menos propaganda e máis xestión do día a día. O cidadán quere solucións aos problemas que ten diante da porta de súa casa», concluíu o voceiro de UCIN.