O Colectivo das Pedras Galladas únese á iniciativa de ADEGA na XIX Limpeza Simultánea de Ríos de Galicia o próximo sábado 3 de outubro en Culleredo

ADEGA organiza un ano máis, a través do Proxecto Ríos, a Limpeza Simultánea de Ríos de Galicia, unha iniciativa que leva case dúas décadas mobilizando voluntariado en toda Galicia para retirar residuos dos nosos ríos. O Colectivo das Pedras Galladas, de Culleredo, súmase este 3 de outubro á XIX edición desta xornada.

O ano pasado, grazas á colaboración de máis de 80 entidades, estimouse que se retiraron máis de 10 toneladas de lixo dos ríos galegos, cunha participación de 1.322 persoas voluntarias en 59 concellos. Unhas cifras que falan por si soas da dimensión do problema, pero tamén da forza do voluntariado organizado para facerlle fronte.

As Pedras Galladas levan tempo vinculadas ao coidado dos ríos do concello. O colectivo ten en custodia un tramo do río Valiñas ao seu paso por Ledoño, onde realiza dúas inspeccións ao ano dentro do programa Proxecto Ríos para facer seguimento do estado do ecosistema fluvial. En breve terá lugar a inspección de outono. Nesta ocasión, ademais, o colectivo únese á xornada de limpeza simultánea no río Trabe ao seu paso por Culleredo como un xesto de apoio á necesidade de que as administracións públicas asuman a súa responsabilidade no coidado e na conservación dos nosos ríos, e de que a cidadanía tamén tome conciencia do valor do entorno natural que nos rodea e do impacto que os residuos teñen sobre el.

A actividade en Culleredo terá lugar o sábado 3 de outubro ás 11:00 horas. O punto de encontro será no Parque Infantil da Fonte da Balsa, na rúa Luis Seoane: https://maps.app.goo.gl/7jDH5dYoAxAKJprv8 Rógase puntualidade. Recomendase acudir con botas de auga e, se é posible, con luvas de fregar.

A inscrición pode realizarse a través do seguinte enlace: https://i.gal/limpeza-rios-culleredo-2026

Comparte éste artículo
No hay comentarios