O Concello da Coruña homenaxeou hoxe a Adolfo Anta Seoane, figura clave da música coral galega, no 125 aniversario do seu nacemento. O acto, celebrado na súa vivenda natal da rúa Alameda, contou coa presenza do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
«Desde o Goberno de Inés Rey temos moi presentes ás figuras que contribuíron a poñer en valor a nosa cultura e a nosa música, como é o caso de Adolfo Anta Seoane», sinalou Castro durante o evento.
Músico, investigador e director de coros, Anta Seoane deixou unha fonda pegada á fronte de agrupacións como Cántigas da Terra, que dirixiu durante máis de dúas décadas, ademais de Brétemas e Raiolas ou o conxunto folclórico Aturuxo. O seu traballo como armonizador e divulgador da música popular galega foi fundamental para recuperar e adaptar numerosas pezas tradicionais que aínda hoxe forman parte do repertorio das corais.
A figura de Adolfo Anta Seoane «permanece como exemplo de entrega á música e á cultura de Galicia», segundo o concelleiro, quen tamén destacou o valioso legado que deixou o compositor e membro da Real Academia de Belas Artes.