A Deputación da Coruña culmina as obras de mellora da estrada DP-4701 en Mesía

Valentín González Formoso e Mariano Iglesias Castro supervisaron o remate das obras, que permitiron ampliar a calzada e crear sendas peonís nun treito de máis de 4,5 quilómetros.

 O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias Castro, supervisaron o remate das obras de ampliación e mellora da seguridade na estrada provincial DP-4701, nas que a institución provincial investiu 2.148.251 euros. Durante a visita, ambos asinaron tamén o convenio para ampliar a rede de abastecemento de auga na parroquia de Visantoña, cunha achega provincial de medio millón de euros.

A mellora da DP-4701 supuxo un investimento de 1.868.042 euros na execución dos traballos e de 280.209 euros nas expropiacións necesarias para levalos a cabo. A intervención abrangue un treito de máis de 4,5 quilómetros, entre os puntos quilométricos 0+923 e 5+478.

As obras permitiron ampliar a calzada ata os sete metros de ancho, con beiravías de medio metro a cada lado, mellorando as condicións de circulación e a seguridade da vía. A actuación incluíu tamén a creación de distintos tramos de sendas peonís elevadas, de dous metros de ancho e realizadas en formigón coloreado, que ofrecen á veciñanza un espazo específico para os seus desprazamentos a pé.

Os traballos completáronse coa mellora do sistema de recollida de augas pluviais e a renovación da sinalización horizontal e vertical. O conxunto da intervención permite contar cunha estrada máis ampla e segura tanto para os vehículos como para as persoas que camiñan polos núcleos da súa contorna.

Medio millón de euros para o abastecemento de Visantoña

Valentín González Formoso e Mariano Iglesias asinaron tamén durante a visita de hoxe o convenio de colaboración para financiar as obras de ampliación da rede de abastecemento de auga na parroquia de Visantoña. A Deputación achegará 499.350,92 euros, o 80 % dun investimento total de 624.188,65 euros, para estender este servizo básico a núcleos que aínda carecen de conexión á rede municipal.

O Concello asumirá os 124.837,73 euros restantes e encargarase da contratación e execución das obras. O proxecto contempla a instalación de 21.876 metros de novas canalizacións, cun ramal principal e distintas derivacións cara a núcleos como O Carballiño, Vilanova, O Rochiño, Seble, Busto, A Carballeira, A Ribeira e Guitiriz.

A actuación permitirá atender a demanda veciñal nunha das parroquias máis poboadas de Mesía e avanzar na extensión do abastecemento nun municipio marcado pola dispersión xeográfica. O deseño da rede ten en conta tanto as necesidades de consumo dos fogares como as das explotacións gandeiras existentes na zona.

Formoso destacou a colaboración entre Deputación e Concello de Mesía “para ampliar o acceso á auga potable e mellorar a calidade de vida da veciñanza, achegando un servizo esencial a máis lugares do rural”.

As dúas actuacións suman un investimento provincial de 2.647.601,92 euros para mellorar as comunicacións e os servizos básicos de Mesía.

Comparte éste artículo
No hay comentarios