O goberno municipal impulsa unha bonificación do 95 % no Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) para os propietarios que decidan adherirse ao programa de vivenda do que onte se informou a diferentes colectivos como colexios profesionais (arquitectos técnicos, enxeñeiros …), representantes de mediadores de seguros, e profesionais do sector das inmobiliarias, administradores de fincas e abogados, e cuxa aprobación está prevista nos vindeiros días.
Esta proposta foi abordada hoxe na Comisión de Contas, na que se analizou a Conta Xeral correspondente ao exercicio 2025, que reflicte a situación económica do Concello ao peche do ano e permite coñecer as consecuencias da xestión do anterior Goberno municipal.
Un dos datos máis relevantes é a existencia de 5.695.766,45 euros en obrigas pendentes de aplicar ao orzamento, é dicir, gastos realizados que quedaron pendentes de incorporar ás contas municipais ao peche do exercicio. Os informes técnicos advirten, ademais, de que se seguían realizando gastos sen contar coa correspondente consignación orzamentaria, é dicir, sen ter reservado no orzamento o diñeiro necesario para afrontalos.
A Conta Xeral tamén reflicte unha nova caída do investimento real, que en 2025 se situou en 8.262.042,15 euros. A evolución dos últimos anos mostra unha tendencia descendente: en 2023 o investimento real alcanzou os 16,48 millóns de euros; en 2024 reduciuse a arredor de 10 millóns e en 2025 baixou ata os 8,26 millóns de euros.
Isto significa que, en dous anos, o investimento real do Concello se reduciu practicamente á metade, limitando os recursos destinados a obras, melloras e renovación de infraestruturas e equipamentos municipais.
A Conta Xeral de 2025 tamén pon o foco na xestión de EVISLUSA, a empresa municipal do solo, e cuestiona a súa eficacia e eficiencia. A infrautilización da Empresa Municipal do Solo é unha mostra do nulo compromiso do goberno anterior coas necesidade que hoxe estamos vendo e que son de absoluta actualidade.
En resumo observamos como os datos da Conta Xeral de 2025 tamén poñen de manifesto, así, tanto a existencia de gastos que quedaron pendentes de incorporar ao orzamento como a caída continuada do investimento. Unha situación que evidencia a necesidade dunha xestión rigorosa dos recursos públicos e dunha planificación económica que permita recuperar capacidade para atender as necesidades de Lugo.
Esta evolución tamén pon sobre a mesa a falta de impulso inversor do anterior Goberno municipal nun momento no que a cidade segue precisando actuacións e melloras en ámbitos fundamentais. A situación que recolle a Conta Xeral confirma a importancia de ordenar as contas e priorizar os recursos dispoñibles para dar resposta ás demandas da veciñanza.