Ameijide pide a PSOE e BNG “a transparencia que lle esixiu a Valedora do Pobo” e permita o acceso ao plan de seguridade do Pazo de San Marcos

por Redacción Lugo

O voceiro popular sinala que se pediu acceso a ese documento tras comprobar como no pleno de febreiro “da noite a mañá e sen notificación de ningún tipo, Tomé decidiu pola súa propia conta retirar as cadeiras que hai detrás de cada bancada e limitar o aforo da parte superior a un máximo de 26 persoas”

A Valedora do Pobo foi clara e taxante e na súa resolución indicou a José Tomé que “non pode vetar o acceso á información nin ás dependencias da Deputación aos deputados do Grupo Provincial Popular” dado que  vulneran dereitos fundamentais da CE.

E pese a iso, José Tomé segue sen acatar a resolución da Valedora do Pobo e o último exemplo é “a negativa a facilitar o ‘Plan de Seguridade do Pazo Provincial de San Marcos con indicación do aforo máximo autorizado nas distintas dependencias e salóns do dito Pazo de titularidade provincial’ do que se pediu acceso e copia o pasado 29 de febreiro.

O voceiro provincial popular Antonio Ameijide é claro a este respecto: “temos dereito a acceder á información, ademais de ás dependencias provinciais, polo que José Tomé ten que aclarar se vai a acatar a resolución da Valedora ou non, porque aínda non o fixo e segue negando o acceso á información”.

Ameijide tamén se amosa contundente ao recorda que “Tomé segue a ser un aprendiz de ditador” ao seguir “impedindo o traballo da oposición”. A este respecto, o voceiro popular recorda ao presidente provincial o que lle dixo a Valedora do Pobo xa que “colocar aos representantes ou cargos públicos nunha posición máis limitada que a da cidadanía non responde a ningún criterio lóxico e resulta contrario ao dereito fundamental recoñecido no art. 23 CE”.

Os deputados populares agardan que no menor prazo de tempo “a ser posible esta semana” se facilite o acceso e copia da documentación solicitada, se é que existe, xa que “o único que comunicaron dende o goberno provincial era que se admitía a petición”. “Nun mes tiveron tempo máis que suficiente para dar o acceso solicitado ou pode que non queiran facilitala xa que poden ter moito que ocultar”, finalizou.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario