Besteiro acusa a Feijóo e Rueda de «envolverse na bandeira mentres lle denegan o dereito a votar a miles de galegos no exterior»

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou hoxe duramente en Lugo a actitude de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, aos que acusou de «envolverse na bandeira de España» no Día da Hispanidade mentres prexudican activamente «os intereses e os dereitos de miles de galegos e españois no exterior».

Durante a súa intervención, Besteiro centrou o foco na negativa do Partido Popular a recoñecer o dereito ao voto nas eleccións xerais do 29 de novembro para os descendentes da emigración nacionalizados a través da Lei de Netos (vía derivada da Lei de Memoria Democrática).

«Galegos de segunda» e unha débeda histórica pendente

Os netos e netas de quen tivo que marchar «están absolutamente preocupados porque se lles trata como galegos e galegas de segunda», advertiu o líder socialista. Lembrou ademais que, de todos os dereitos que outorga a nacionalidade, «un dos principais e máis sagrados é elixir e poder votar».

Besteiro tivo un recordo especial para as miles de familias repartidas por Arxentina, Uruguai, Brasil, Venezuela ou Cuba, descendentes de quen saíu durante a Guerra Civil e a posguerra «escapando da persecución». Para o líder do PSdeG, a Lei de Netos supón un mecanismo de xustiza para «pagar unha débeda histórica» con quen tivo que marchar, garantindo unha nacionalidade «plena e sen restricións, independentemente de a quen decidan votar».

Nesta liña, lembrou que tras a suspensión cautelar ditada polo Tribunal Supremo en setembro, o PSOE confía en que a resolución definitiva estea en sintonía coa petición da Fiscalía e da Avogacía do Estado: que estas persoas poidan exercer o seu dereito ao voto o 29N. A Rueda reprochoulle directamente o seu «silencio cómplice» ante o intento de «cercenar» un dereito fundamental mentres o PP se enche a boca con chamamentos patrióticos.

Críticas ás dúbidas sobre o voto por correo

O secretario xeral do PSdeG tamén cargou contra a campaña de desinformación impulsada pola dereita arredor do voto por correo, apuntando directamente a Feijóo. Resulta «realmente sorprendente», dixo, que quen foi presidente de Correos entre 2000 e 2003 semente agora «bulos masivos» e poña en dúbida a legalidade e garantías dos procedementos electorais españois.

A disxinxuntiva do 29N: Dous modelos de país

De cara aos comicios do 29 de novembro, Besteiro fixo un chamamento á participación racional e argumentou que a cidadanía enfróntase a unha elección entre dous modelos de goberno ben diferenciados.

Ante a «ameaza real dun goberno de dereita e ultradereita», defendeu que a única resposta eficaz e con capacidade real de frenalo é concentrar o apoio no Partido Socialista. «De nada serve lamentarse se non facemos ese voto pensando en qué España e qué Galicia queremos para os vindeiros anos», concluíu convencido de que o PSOE sairá a gañar as eleccións.

Comparte éste artículo
No hay comentarios