A Deputación presenta o documental “Cantiga de amiga” sobre a homosexualidade feminina na Idade Media

A peza, con idea orixinal, guión e documentación de Carlos Callón, e realizado por Nós TV, estrearase o 24 de outubro ás 12h na canle de YouTube da Deputación e en Nós TV.

A Deputación da Coruña acolleu esta mañá a presentación de ‘Cantiga de Amiga’, un proxecto da área de igualdade da Deputación, realizado por Nós TV e con idea orixinal, guión e documentación de Carlos Callón. Este documental estrearase o 24 de outubro ás 12h, no YouTube da Deputación da Coruña e de Nós Televisión. Tamén estará dispoñible na canle 9 de Nós TV e en Movisar+.

A deputada de Igualdade destacou a importancia de recuperar e dar a coñecer historias que quedaron fóra do relato histórico. «Queremos saber que foi desas historias de mulleres lesbianas na Idade Media a través das cantigas de amiga nas que se falaba de amor entre dúas mulleres», explicou. Agra subliñou que o documental contribúe a sacar á luz realidades historicamente invisibilizadas. «Estas historias quedaron silenciadas, pero estas realidades existiron sempre», afirmou. Neste sentido, vinculou a recuperación da memoria histórica coa defensa dos dereitos do colectivo LGTBI+: «Neste momento no que se cuestionan os dereitos do colectivo LGTBI+, queremos lembrar que non pode dar un paso atrás na súa conquista».

A deputada salientou tamén o valor da investigación que sustenta a peza, que permitirá achegar ao público unha importante descuberta histórica e afondar no coñecemento das experiencias e relacións afectivas entre mulleres na Galicia medieval.

Pola súa banda, Carlos Callón agradeceu á Deputación da Coruña o seu compromiso coa recuperación e divulgación da memoria histórica e da diversidade sexual. «Grazas á Deputación, que está realizando un traballo moi útil non só para a provincia, senón para o país», sinalou. O investigador puxo o foco na necesidade de combater o silenciamento destas historias e de recuperar os nomes e as pegadas das mulleres que formaron parte da historia galega. O documental nace precisamente da vontade de rescatar esas voces do esquecemento e de contribuír a unha visión máis completa da sociedade medieval, incorporando realidades que durante séculos permaneceron á marxe dos relatos dominantes.

Sinopse

‘Cantiga de amiga’ é un documental para paliar a falta de coñecemento que hai sobre a homosexualidade feminina en Galiza na Idade Media. Pon luz sobre a historia de Sancha Pérez e María Leve, que viviron en Compostela no século XIII, e que constitúen o único caso en toda a Europa en que se nos legou o nome dun casal lésbico, e mesmo a rúa en que moraron. Tamén conserva unha cantiga «de amigo» en que unha muller fala do despeito por outra muller, polo que o máis correcto sería chamala «cantiga de amiga» (e de aí a orixe do título  deste documental). E de sinalar son tamén varios cantares en que se fai referencia a relacións entre soldadeiras, e entre eses versos chaman a atención aqueles que están protagonizados dun xeito moi explícito por outra muller lésbica galega, que tamén coñecemos polo seu nome: María Mateu. Perdemos os seus rostros e moita da información das súas vidas, mais cos datos que temos podemos evocar as voces destas mulleres.

Ficha técnica

Este filme documental foi elaborado por Nós Televisión e producido pola área de Igualdade da Deputación da Coruña, con idea orixinal de Carlos Callón, baseado no libro ‘Vidas e historias LGBT da Idade Media (Edicións Xerais). 

·         Produción executiva – Rosabel Candal e Diego Frey

·         Guión – Carlos Callón e Diego Frey

·         Produción – Rosabel Candal

·         Dirección – Martín Rodríguez

·         Realización e montaxe – Martín Rodríguez

·         Fotografía – Pio Cribeiro e Roi Barros

·         Son e dron – Pio Cribeiro

·         Música orixinal – ‘Moeda Vella’, de Luís Álvarez, con voz de Natalia Otero.

·         Creatividades – Roi Barros

·         Entrevistadas – Carme Adán, Daniela Ferrández, Uxía Gestoso, Teresa Moure, Isabel Morán

Comparte éste artículo
No hay comentarios