A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu este mércores no Salón de Plenos da Casa do Concello ao Consello de Administración, corpo técnico e xogadores do Club Deportivo Lugo, nun acto institucional no que tamén participou o concelleiro de Deportes, Damián Carballo.
O encontro permitiu trasladar á entidade albivermella o recoñecemento do Concello pola súa traxectoria e pola súa contribución ao deporte lucense, así como reafirmar a vontade de manter unha relación de colaboración cun club estreitamente vinculado á historia deportiva e social da cidade.
Durante a recepción, Elena Candia felicitou os representantes do CD Lugo polo traballo desenvolvido e destacou a importancia da entidade como referente deportivo, tanto pola súa actividade competitiva como pola súa capacidade para reunir diferentes xeracións de lucenses arredor do fútbol. A rexedora puxo tamén en valor a contribución do club á promoción do deporte e á proxección do nome de Lugo.
A recepción coincidiu cun destacado inicio de tempada do conxunto albivermello, que, tras as oito primeiras xornadas da Primeira Federación, lidera invicto o Grupo 1 con 22 puntos, froito de sete vitorias e un empate. Uns resultados que están a xerar ilusión entre a afección e que foron tamén motivo de felicitación durante o encontro.
O Concello quixo facer extensivo este recoñecemento á afección do CD Lugo, destacando o seu apoio continuado ao equipo e o papel que desempeña na vida deportiva e social da cidade.
O acto concluíu cunha fotografía institucional da alcaldesa e dos representantes municipais coa directiva, o corpo técnico e os xogadores do CD Lugo.