O Goberno de Lugo intervén de urxencia para frear a inseguridade no ‘leirapárking’ do HULA

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, xunto co concelleiro de Mobilidade, Antonio Ameijide, e a concelleira María Reigosa, visitaron o leirapárking do HULA para supervisar o estado no que se atopan estes terreos e avanzar a actuación urxente que veñen de impulsar.

O executivo municipal xa encargou unha solución técnica para consolidar os terreos e mellorar as condicións deste espazo empregado a diario por centos de usuarios do HULA.

Durante a visita, os responsables municipais comprobaron o deterioro que presenta na actualidade o aparcadoiro, situado no ámbito urbanístico LUGO S-10.R, cun firme pouco consistente e unha drenaxe insuficiente, o que provoca a aparición continua de fochancas e acumulacións de auga.

Desde o goberno local explican que esta situación con uns viarios totalmente intransitables tamén é consecuencia da falta de mantemento continuado dunha superficie que precisaba dunha conservación periódica. O estado no que se atopa que provoca non so molestias e incomodidades aos usuarios, senón tamén danos aos vehículos e as persoas.

“Queremos dar unha solución útil, segura e duradeira a un espazo moi empregado polos lucenses”, sinalan dende o goberno local.

Neste sentido, desde o Concello lembran que, trala aprobación do 5% do PXOM no ano 2023 e o cambio de categoría do solo, este ámbito xa permite actuacións deste tipo, polo que consideran unha verdadera mágoa este tempo perdido dado que existíu marxe suficiente para ter impulsado melloras nos últimos anos.

Os técnicos municipais están ultimando xa o proxecto para proceder a súa licitación e avanzar nunha actuación que permitirá mellorar o estado do leiraparking do HULA nun curto prazo de tempo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios