A presidenta e portavoz municipal lembra que “hai moitos proxectos do Goberno central pendentes en Monforte”: a rolda urbana entre a estrada de Ourense a N-120 sen executar, pasos a nivel paralizados en Xiamontes e Río Seco e frecuencias ferroviarias perdidas.
Os afiliados do PP de Monforte de Lemos mantivo este mércores unha reunión de traballo centrada na preparación da vindeira cita electoral: as eleccións xerais que se celebrarán o vindeiro 29 de novembro.
A presidenta e portavoz municipal, Katy Varela, cre que “é fundamental para os intereses do país cambiar o equipo de Goberno en España”. Nese sentido, defende a Alberto Núñez Feijóo como alternativa: “Feijóo traballará para mellorar a vida dos españois e, polo tanto, iso vai influír positivamente tamén para todos os monfortinos”.
A popular incide en que “hai moitos proxectos do Goberno central pendentes en Monforte” e lembrou que “ao vindeiro Pleno deste mes levamos o proxecto que é fundamental para rematar a rolda urbana que iría desde a estrada de Ourense ata a N-120. O convenio asinado co Concello de Monforte no ano 2023 aínda non se comezou a executar”.
Varela tamén cita o soterramento dos pasos a nivel en Xiamontes e Río Seco: “as obras están paralizas ocasionando trastornos aos veciños”. Tamén en materia ferroviaria, lembra a perda de frecuencias ferroviarias: “é necesario mellorar o transporte por ferrocarril”.
Así, considera que “será moi positivo” cambiar o Goberno nacional presidido por Sánchez. “Confiamos en Alberto Núñez Feijóo. Dende Monforte estamos esperanzados e motivados para seguir traballando os días que quedan ata as eleccións aportando o noso grao de area para que o cambio se produza”.
UN MONFORTINO NAS LISTAS AO CONGRESO
Varela puxo en valor que o monfortino Francisco Conde volva encabezar a candidatura do Partido Popular ao Congreso pola provincia de Lugo e explicou que “nesta ocasión non puido asistir porque tiña outros compromisos tamén relacionados coa precampaña, pero contaremos coa súa participación en vindeiras reunións de traballo”.