Javi Rodríguez, pasando polos días máis produtivos da súa carreira profesional nas áreas rivais, foi o responsable da remonta do Celta na casa do Celtic. Os escoceses se adiantaron cun gol de Baur no comezo do segundo tempo, pero non souberon asimilar a nova proposta do Celta cando Giráldez arranxou a tempo a súa desfeita do medio do campo por xuntar a Febas e a Burcio. Unha cabezada e un punteirolo axustado, para mostrar a súa condición de finalizador polivalente, desde dentro e desde fóra da área, recuperan da parálise europea ao Celta, que compra novos boletos para non ficar fóra da competición continental na fase de grupos.
Intermitencia, inconsistencia
A visita do Celta ao mítico Celtic Park estivo marcado polas intermitencias no seu xogo durante a primeira metade. Logo dun aceptable primeiro cuarto de hora, con algunha entrada á área desde a dereita sen moita transcendencia, o Celtic comezou a disputarlle a posesión e a levar o balón perto da área defendida por Radu.
A primeira ocasión do partido foi local. O ex oviedista Hassan centrou desde a dereita e Radu, esperando no centro do marco, chapou a cabezada de Durán no minuto vinte.
O conxunto vigués debeu acomodarse ao control do cadro escocés e o partido caeu nun letargo longo. O Celta non atopaba boas saídas e o Celtic no atopaba boas entradas, O xogo non daba nin para forzar disparos significativos desde fóra da área ante a incapacidade de desbloquear o rigor posicional dos dous rivais.
O conxunto galego deu unha mellora nos minutos anteriores ao descanso, con Iago Aspas tocando máis a pelota e participando da división do xogo ofensivo. No minuto 42, nunha recuperación celeste sobre unha mala saída do Celtic, o de Moaña recibiu de costas á porta, pasou a Jutglà, que a tiña de cara e, desde perto da media lúa, abriu o tiro para mandar a pelota fóra.
No seguinte, case desde o mesmo lugar, xutou polo centro para ver como Johnstone detiña o coiro. O partido foise ao intervalo cunha sensación de que ao Celta lle sobraba algo.
Giráldez corrixe a tempo o seu “erro rotacional” Burcio-Febas e o Celta remonta
A segunda metade, cos mesmos na cancha, iniciouse cun ataque do Celta e a tentativa de disparo de Javi Rodríguez. O primeiro ataque do Celtic acabou en gol. Hassan levou a pelota pola dereita, mandou o centro á área e un mal despexe defensivo mandou a pelota onde se incorporaba Baur, que fusilou a Radu con relativa facilidade, malia que o cerbero romanés chegara a tocar a pelota.
Iago Aspas,nunha combinación curta e rápida con Jutglà, deixou ver a súa cualidade índose do seu marcador. O disparo non foi tan bo e Johnstone detivo a pelota con facilidade, Cinco minutos do segundo tempo tiñan máis fútbol que os 45 do primeiro.
Febas, no primeiro pau, non rematou a paus un bo centro de Sergio no minuto 51. O Celta quería fechar ao Celtic na súa parcela, pero seguía flotando a sensación de que unha mala conexión no centro facía imposible que o Celta recuperara mellor, máis adiante e o seu fútbol ofensivo fora máis constante e sólido.
Nygren, case desapercibido como segundo punta local, apareceu pouco despois rompendo a liña defensiva viguesa pola esquerda. Radu intuíu que debía ancorarse ao primeiro pau e acertou porque foi o elixido polo escocés para o disparo. O desvío do romanés mantivo ao equipo dentro do xogo.
Paradoxalmente, o Celta dominaba un partido aberto. No minuto 63, Scales cabeceou un centro de Hassan ao segundo pau e a pelota bateu na parte superior da escuadra, O gong pareceu soar tamén na cabeza de Giráldez. A partir de aí comezou a darlle lóxica ao centro do campo poñendo fin ao estraño invento Burcio-Febas. Moriba substituíu ao do Fortuna e, por diante, Swedberg á lenda de Moaña
A mudanza na mellora do ritmo de circulación e verticalidade foi radical. No minuto 68, nunha falta lateral en tres cuartos lanzada por Hugo Álvarez, Javi Rodríguez impúxose cunha cabezada á defensa verde e branca e furou a meta de Johnstone.
O central dereito, cunha progresión ilimitada nas últimas xornadas, mellorou o aporte da fin de semana contra o Alavés e pasou do golazo e asistencia ao dobrete. Tres minutos despois do empate enganchou un balón na frontal para poñerlle o selo do gol e consumar a virada.
O’Neill quixo retomar o control do partido coa entrada de Høgh, pero xa non era tan doado coma antes que o Celta entregara a chave. Swedberg, desde a frontal, estivo a piques de sentenciar o duelo céltico mandando o seu xute perto da escuadra.
Malia todo, Donovan, fóra da súa posición, estivo a piques de parar a festa do Celta no Celtic Park. Recolleu na área unha deixada de Forrest, pero Radu, ben colocado, detivo o xute raso do lateral. A resposta deuna Hugo Álvarez con outro lanzamento que lambeu o pau no minuto 87.
O Celta foi quen de aguantar sen deixarse fechar e logrou os primeiros puntos da Liga Europa 2026/27 nun dos míticos escenarios do fútbol mundial onde os versos de Pondal soaron máis forte que os de Macpherson.
Ficha
XOVES 22/10/2026 (20,00 h.l.) Campo: CELTIC PARK (Glasgow-Escocia) (48.374)
THE CELTIC F.C. : 1 – R.C. CELTA : 2 (0-0)
CTC : Johnstone; Donovan, Murray, Scales, Tierney; Hassan (Høgh 73’), McGregor, Nygren, Baur (Sørensen 79’), Osmand (Forrest 58’); Durán (Tounekti 79’). Tre. Martin O’Neill. (Banco: Sinisala (g); Lotomba; McCowan; Oxlade-Chamberlain; McArdie; Ralston; Haney; Kennedy).
RCC : Radu; Javi Rodríguez, Cáceres, Marcos Alonso; Javi Rueda (Antañón 85’), Febas, Burcio (Moriba 63’), Sergio; Iago Aspas (Swedberg 63’), Jutglà (Pablo Durán 77’), Hugo Álvarez (Javi Galán 85’). Tre. Claudio Giráldez. (Banco: Bayindir (g); Faye; Yoel; Miller; Arcos; Hugo González; Driouech).
Goles: 1-0 Baur 47’; 1-1 Javi Rodríguez 68’; 1-2 Javi Rodríguez 71’.
Árbitro: Kabakov (Bulgaria). Auxiliares: Margaritov e Venev. 4º árb.: Popov.
VAR: Storks. AVAR: Schröder.
Disciplina: CA: Durán 23’; Scales 85’; Sørensen 89’; Donovan 90’ / Martin O’Neill (tre. CTC) 67’.
Foto: Javi Rodríguez, o heroe de Glasgow. © UEFA