Vigo discrimina á Diversidade: Nós Mesmas denuncia exclusión en axudas a mulleres

Desde a Asociación Nós Mesmas, entidade que traballa polos dereitos das mulleres lesbianas, bisexuais, trans e persoas non binarias, queremos expresar a nosa profunda preocupación e desacordo coa recente publicación das bases reguladoras das subvencións da Concellería de Igualdade do Concello de Vigo para o ano 2025, nas que se elimina a Área de Diversidade como criterio específico de valoración e como prioridade na promoción das mulleres.

Esta exclusión supón un claro retroceso nos compromisos públicos coa igualdade real e efectiva, especialmente coas mulleres que sofren discriminación múltiple por razóns de orientación sexual, identidade ou expresión de xénero.

A eliminación desta área, que si estaba recollida nas bases de 2024 e anos anteriores, contradí os obxectivos do propio Plan Estratéxico de Subvencións 2024-2026 do Concello de Vigo, que contempla a «atención á diversidade» como un dos eixos prioritarios da acción en igualdade de xénero e esta era a única subvención que tiña en conta a realidade do colectivo LGTBI+ de forma específica. Ademais, esta decisión vulnera o marco normativo estatal e autonómico, como a Lei 4/2023 para a igualdade das persoas LGTBI e a Lei 7/2023 para a igualdade efectiva de mulleres e homes en Galicia, que recoñecen a situación de especial vulnerabilidade das mulleres LBT.

Desde Nós Mesmas consideramos inaceptable que se exclúa ao colectivo LGTBIQ+ das políticas públicas de igualdade, impedindo a participación e representación das nosas realidades dentro das accións de promoción das mulleres. Non se pode falar de igualdade sen recoñecer a diversidade que existe dentro das propias mulleres.

Reivindicamos:

  • A recuperación inmediata da Área de Diversidade como prioridade e criterio puntuábel nas bases de subvencións da Concellería de Igualdade.
  • A aplicación efectiva dos marcos legais que recoñecen e protexen os dereitos das mulleres LBT.
  • Un compromiso institucional real coa igualdade interseccional que non exclúa a ningunha.

A diversidade é un valor, non unha ameaza. Excluir as mulleres LBT é negar unha parte fundamental do feminismo e da sociedade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios