Un Racing Villalbés en repregamento e contraataque e un Alondras dominador, pelexando pola posesión para xogar o maior tempo posible na parcela defendida polo rival, foi a proposta para a matinal do domingo na Madalena. Ao final non foi nin para un, nin para outro. Adrián Castro, que sería expulsado, adiantou antes aos chairegos e Yelco, a quen lle fixeron un penalti, encargouse de transformalo para igualar. O partido, se tivera un plus por puntos, sería para o Alondras porque o propio Yelco, despois do gol, mandou un balón ao traveseiro. Álex Santomé foi a figura do partido.
Álex Santomé: un salvador de oficio
Desde o comezo puido verse o que ía acontecer no partido. O Alondras propuña ter a pelota e circular e o Racing Villalbés, metido na súa parcela, condicionar ao rival con moitos balóns divididos e atopar un carreiro que lle permitira chegar á área de Brais en poucos segundos e pola vía máis vertical.
Unha acción de habilidade de Luismi, tras recibir de costas e saír, deixou no sitio a Reigosa. O experimentado atacante, algo ladeado, encarou a Álex Santomé, que estirou a perna e despexou o xute cruzado para evitar o primeiro gol ao cuarto de hora.
Dous minutos máis tarde foi Fontán, desde fóra da área, quen probou as cualidades dun meta que respondeu con seguridade. O mesmo Fontán deixou a súa banda para pedir un balón polo carril do 10. Recibiu entrando na área e, tras driblar ao meta, perdeu a opción ao non chegar á pelota, que fuxiu pola liña de fondo.
O Alondras seguía afogando ao Racing e Bernárdez foi o seguinte en intentalo, pero de novo estaba o meta local para agocharse e asegurar a parada. Os visitantes reduciron o ritmo de chagadas e o Villalbés tivo a primeira case sen querer, Marcos correu a un balón longo polo que dubidaron Brais e Abel. Na confusión, o lateral viuse beneficiado do choque a tres, pero malia ter aos defensores no chan, xutou contra a parte externa da rede. Pasaran 27 minutos do asubío inicial.
Antes do descanso o Villalbés tivo os mellores momentos do primeiro acto. Rodri foi o referente e estivo a piques de anotar nun centro longo de Adrian Castro. Esperou algo distanciado do segundo pau e Brais fixo a súa mellor parada do encontro.
No seguinte minuto a acción final foi semellante na área local. O centro, desde tres cuartos, colocouno Aitor Aspas, a cabezada deuna Antón Rial e a estirada imposible fíxoa Álex Santomé.
Adrián Castro, paro o bo e o malo, Álex Santomé só para o bo
Non mudaron as cousas tras a charla nos vestiarios. Álex non deu rematado ben un pase de Luismi. Malia todo, o Racing Villalbés axustou mellor cedendo uns poucos de metros máis. Como se fóra unha táctica premeditada para relaxar o sistema defensivo visitante, os da Terra Cha comezaron o seu intermitente repertorio de contras. Na primeira boa, Rodri pediu o coiro na franxa central. Correu acompañado por un defensa até que viu a luz coa subida polo centro de Adrián Castro. Rodri esperou un par de segundos, até que o seu compañeiro pisou a media lúa, cedeulle o pase e, nunha acción de dianteiro puro, sorprendeu a Brais cun golpeo coa biqueira que, logo de bater na base do poste, entrou na portería.
O partido volveu a estar coma antes seis minutos despois. Yelco andou máis listo que Reigosa, gañoulle o espazo na área e foi agarrado e derrubado polo central co árbitro á vista. O propio Yelco anotou desde os once metros cun xute alto.
O alondrista estaba no seu momento e puido ser o autor completo da remonta ao rematar ao traveseiro un pase de Víctor, que acababa de entrar para que o Alondras dominara abertamente pola dereita. Tampouco renunciou á esquerda, desde onde Aitor Aspas se achegou ao gol cun disparo desde o bico da área. A pelota pasou a rentes do pau.
O Alondras caeu por uns instantes na mesma trampa que antes. Confiouse defensivamente e o partido comezou o derradeiro cuarto algo roto. Nun saque de esquina a prol dos locais, Reigosa colleu o rexeitamento e mandou a bola a rentes da barra.
Logo, Álex Santomé detivo unha cabezada de Bernárdez.
A grande oportunidade do Racing estivo noutra conta. Desta vez foi Marcos quen subiu o coiro pola dereita e o seu centro, abaixo, foi rematado alto por Borja Míguez, que se lanzou ao chan para chegar á pelota esvarando sobre a herba.
A parte final, logo da expulsión de Adrián Castro por unha protesta, foi do Alondras. Víctor cunha volea cruzada, rozou o poste dereito da meta local. Santomé sacou un man a man ante Marche e logo aínda meteu os puños para evitar o gol olímpico de Bernárdez.
Antes dos catro minutos de prolongamento, Antón Rial quixo levar todos os puntos para Cangas cun disparo desde fóra da área, pero outra vez máis estaba Álex Santomé para evitalo.
Ficha
DOMINGO 25/10/2026 (12,00) Campo: A MADALENA (150)
RACING C. VILLALBÉS : 1 – ALONDRAS C.F. : 1 (0‑0)
VIL : Álex Santomé; Marcos (Lansade 89’), Reigosa (Javi Varela 81’), Aarón, Chans, Martín; Javi Muiño (José Varela 71’), Gael, Make (Borja Míguez 71’), Adrián Castro; Rodri (Brais Prieto 71’). Tre. Juan Rodríguez. (Banco: Yago Miguélez (g); Vérez; Álex; Raúl Melo).
ALO : Brais; Diego, Kopa, Abel, Aitor Aspas; Fontán (Víctor 63’), Bernárdez, Antón Rial, Álex (Marche 63’); Luismi, Yelco (Adri Hernández 76’). Tre. Rafa Villaverde. (Banco: Pedro Ares (g); Fabian; Goitia; Manufre).
Goles: 1-0 Adrián Castro 57’; 1-1 Yelco 63’(p).
Árbitro: García Gómez (Galiza-A Coruña). Auxiliares: Carrera Díaz e Sande Noriega.
Disciplina: CA: Kopa 24’; Javi Muíño 49’: Make 52’; Reigosa 63’: Martín 78’ // VD: Adrián Castro 68’.
Foto: Yelco controla coa biqueira ante Gael. © 21noticias.com