Axúdame compañeira, unha xornada para tecer redes de apoio, informar e sensibilizar sobre a violencia de xénero

O encontro, organizado pola Asociación de Mulleres Rurais Argalleiras, o C.D.R. Ancares e FADEMUR Galicia,  celebrarase o sábado 7 de novembro en Cervantes e incluirá unha mesa redonda, a proxección da curta “Pura”, un obradoiro participativo e música tradicional.

As Pallozas de San Román, en Cervantes, acollerán o vindeiro sábado 7 de novembro de 2026 a xornada “Axúdame Compañeira”, unha iniciativa co obxectivo de sensibilizar sobre a violencia de xénero, especialmente no medio rural, coincidindo co mes de novembro, no que se conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o 25 de novembro.

A través deste encontro, as entidades organizadoras queren contribuír a visibilizar unha realidade que tamén está presente nas aldeas e nos territorios de montaña, promover a reflexión colectiva e achegar información e recursos ás mulleres. A dispersión xeográfica, o illamento e as dificultades de acceso a determinados servizos poden facer que as situacións de violencia de xénero sexan especialmente difíciles de identificar e afrontar no rural. Por iso, considérase fundamental crear espazos próximos de información, diálogo e acompañamento, nos que as mulleres poidan compartir experiencias e fortalecer as redes de apoio mutuo.

A xornada comezará ás 16:30 horas coa presentación institucional, na que intervirán Verónica Marcos, presidenta de FADEMUR Galicia; Benigno Gómez, alcalde de Cervantes; Olimpia López, subdelegada do Goberno en Lugo; Isabel Calvete, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais Argalleiras, e unha representante da Dirección Xeral contra a Violencia de Xénero.

Ás 16:50 horas celebrarase unha mesa redonda centrada na prevención da violencia de xénero no medio rural, un espazo para abordar as particularidades desta problemática en territorios como os Ancares e reflexionar sobre a importancia da prevención, a detección e o acompañamento ás mulleres que sofren estas situacións.

A programación continuará ás 18:00 horas coa proxección da curta audiovisual “Pura”, que contará coa presenza da súa directora, Carmen Méndez. Ás 18:50 horas terá lugar o obradoiro de Branca Villares, titulado “Axúdame Compañeira. Tecendo redes de soporte e coidado entre mulleres a través dos cantares e dos tempos”, unha proposta participativa que empregará a tradición oral e os saberes compartidos como ferramentas para favorecer a conexión entre mulleres e fortalecer os vínculos comunitarios.

A xornada rematará coa actuación do grupo tradicional Son de Cores, prevista para as 19:30 horas, e cun espazo de convivencia con petiscos a partir das 20:00 horas.

As entidades organizadoras fan un chamamento ás mulleres da comarca e á veciñanza en xeral para participar nesta xornada, que pretende lembrar que a loita contra a violencia de xénero é unha responsabilidade colectiva e que a información, a sensibilización e o apoio mutuo son fundamentais para avanzar cara a unha sociedade libre de violencias. Porque ningunha muller debería sentirse soa, viva onde viva.

Comparte éste artículo
No hay comentarios