UGT e CCOO denuncian un “atropelo” no Parlamento galego tras requisar a seguridade a documentación do 11N

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia emitiron unha condena pública tras vivir esta mañá o que cualifican de «atropelo» no Parlamento galego. Segundo denuncian ambas organizacións, os servizos de seguridade da cámara autonómica requisáronlle ao secretario xeral de UGT a documentación impresa que portaba para entregarlla ao Grupo Socialista.

Os feitos producíronse á primeira hora da mañá, coincidindo co acceso dos máximos dirixentes sindicais —Cristóbal Medeiros (UGT) e Amelia Pérez (CCOO)— ao edificio institucional. O material requisado consistía en folios en formato A4 con argumentarios e octavillas explicativas sobre os motivos da folga xeral convocada para o vindeiro 11 de novembro (11N).

Unha xuntanza parlamentaria truncada polo control de seguridade

A visita dos secretarios xerais respondía a unha axenda institucional xa fixada: unha xuntanza de traballo na Sala B entre o portavoz do Grupo Socialista e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e as cúpulas de ambos sindicatos.

Desde CCOO e UGT rexeitan con dureza este tipo de actitudes, ás que cualifican de «pouco democráticas», e denuncian un clima de «crispación e polarización» que deriva na incautación de material informativo destinado a un grupo parlamentario para o exercicio da súa labor e interlocución social.

Os sindicatos lembraron que o contido dos folios limitábase a expoñer os motivos e o argumentario polo que chaman á cidadanía a secundar o paro do 11N. A raíz deste suceso, as organizacións sindicais anunciaron que intensificarán a súa mensaxe e engaden unha reivindicación máis a esta xornada de folga: a defensa estricta da liberdade de expresión.

Comparte éste artículo
No hay comentarios