A AC Entroido As Bonitas de Sande, Cartelle, viaxa a México para participar no Festival Nacional de Máscaras Danzantes

Unha vez máis, a AC Entroido As Bonitas de Sande, Concello de Cartelle, non pode estar máis que orgullosa e feliz de acadar un novo fito do seu Entroido: a participación Festival Nacional Máscaras Danzantes que se celebra cada ano en Veracruz, México. Unha viaxe internacional na que participarán 16 persoas durante oito días, que, neste ano 2026, se suma á viaxe realizada a Bulgaria en xaneir, onde foron a única representación nacional de entroidos e mascaradas no considerado a “champion” das mascaradas: o Festival de Surva, declarado no 2015 Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco. 

Esta viaxe a México é todo un fito para esta pequena parroquia de Sande, Concello de Cartelle, Ourense -terra de afamados entroidos-, facendo que Galicia sexa a representación nacional ao outro lado do Atlántico nun país, México, co que a nosa comunidade mantén fortes lazos de unión que se forxaron en tempos de emigración e que se manteñen hoxe en día.

Como curiosidade, non podemos menos que falar do cineasta Carlos Velo, nado a tan só tres quilómetros de Sande, no mesmo Concello de Cartelle ao que pertence a nosa parroquia. Figura clave da Época de Ouro do cine mexicano, foi en México onde levou a cabo gran parte da súa traxectoria.

Durante esta viaxe a presencia das Bonitas de Sande, o Oso e a Vaca en México non se limitará só a participación nun desfile, senón que, a través da súa presencia en Medios de Comunicación e recepción de autoridades, tamén levará consigo toda a cultura galega en xeral.

Programación

O Festival está adicado a preservar e celebrar as tradición dancísticas con máscaras dos pobos orixinarios. Este encontro reúne a máis de 1.800 danzantes, 350 músicos, 45 agrupacións tradicionais, 60 cartoneiros de México, 150 artesáns nacionais e máis de 80 mestres artesáns mascareiros de todo o país.

Este encontro cultural espera máis de 300 mil visitantes nacionais e internacionais ao longo de tres días (80 millóns de “views”, alcance dixital) que poderán desfrutar dun sincretismo único: percorridos polas rúas con grupos de danzantes, espectáculos artísticos, conferencias, mostras gastronómicas, o Encontro de Cartoneros de México e unha impactante oferta turística na rexión da alta montaña veracruzana.

Tras a chegada a México, o domingo día 8 de novembro, durante a semana están programadas varias intervención en medios de comunicación, conferencias de prensa, presentación do noso Entroido, recepción da Gobernadora do Estado… ata o agardado momento do gran desfile de danzas que se levará a cabo en tres xornadas; 13, 14 e 15 de novembro.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios