Os fogares e as industrias papeleira e madeireira son os maiores emisores.
As emisións bioxénicas de dióxido de carbono (CO₂) proceden do uso enerxético de residuos orgánicos, biocarburantes e biomasa (leñas, pellets, restos de talas,…). Diferéncianse das emisións de CO₂ orixinadas na combustión de petróleo, gas natural e carbón en que o carbono emitido foi previamente captado da atmosfera pola vexetación, mais son igualmente prexudiciais para o clima.
As emisións bioxénicas de CO₂ non se suman ao resto de emisións de gases de efecto invernadoiro, aínda que si se calculan nos inventarios oficiais. Por primeira vez, este ano disponse de estimacións das emisións bioxénicas de CO₂ para Galicia, ao presentar o máis recente inventario de contaminantes atmosféricos do Ministerio para a Transición Ecolóxica datos desagregados por comunidades autónomas. Estes datos foron resumidos polo Observatorio Galego para a Acción Climática (OGACLI) no informe “As emisións bioxénicas de CO₂ en Galicia (1990-2024)”.
As emisións bioxénicas de CO₂ ascenderon a 3,3 millóns de toneladas durante 2024. Trátase dunha cifra elevada que supera amplamente, por exemplo, a suma das emisións de gases invernadoiro orixinadas polo consumo de enerxía fósil en fogares, comercios, institucións e sector primario (2,4 millóns). Se se computasen as emisións bioxénicas de CO₂, as emisións brutas (sen descontar absorcións) de gases de invernadoiro en Galicia serían un 20% superiores ás contabilizadas oficialmente en 2024.
As emisións de CO₂ bioxénico medraron un 64% con respecto a 1990, o principal ano de referencia para as políticas climáticas. Pola contra, o resto das emisións de gases de invernadoiro baixaron un 42%, por causa sobre todo do abandono do carbón na produción eléctrica.
A industria (principalmente a madeireira e a celulosa ENCE) e os fogares (maiormente rurais) achegan conxuntamente uns dous terzos das emisións actuais de CO₂ bioxénico. Na industria as emisións proceden da combustión de astelas, codias de árbores ou subprodutos da fabricación de pasta de papel e nos fogares da queima de leñas e pellets. Mentres que as emisións domésticas diminuíron un 40% con respecto a 1990, as da industria máis que se duplicaron.
Outras fontes importantes de CO2 bioxénico en Galicia son a central eléctrica de biomasa forestal de Greenalia en Curtis, o uso no transporte de biocarburantes puros ou mesturados co gasóleo e a gasolina e a incineradora de residuos urbanos de SOGAMA en Cerceda.
As emisións de CO₂ bioxénico non se consideran nos obxectivos gobernamentais de redución de emisións de gases causantes de cambio climático mais é importante minimizalas todo o posíbel para acelerar a mitigación da crise climática e, de paso, mellorar a calidade do aire. As emisións de CO2 bioxénico sempre van acompañadas de partículas e doutros contaminantes tóxicos.
As vías para reducir as emisións bioxénicas de CO2 son, xunto co aforro de enerxía e a diminución do desperdicio alimentario, un maior desenvolvemento das enerxías renovábeis non contaminantes (eólica, solar, aerotermia,…) en detrimento da biomasa; o impulso da electrificación do consumo enerxético en fogares, industria e transporte; e a recolla separada e compostaxe dos residuos orgánicos urbanos, en lugar da súa incineración para a produción de electricidade.
Informe “As emisións bioxénicas de CO2 en Galicia (1990-2024)”:https://ogacli.org/wp-content/