O Santo Domingo busca cambiar a inercia fronte ao Ulla Oil Rosalía

Oportunidade de reencontrarse coa vitoria ante o pechacancelas

Logo de 4 derrotas consecutivas que o levan a ocupar a 11a praza da competición, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos afronta a 6o xornada da liga en Tercera FEB medíndose ao pechacancelas da competición, o Ulla Oil Rosalía. O equipo santiagués, que aínda non coñece a vitoria, suma unha media de máis de cen puntos en contra por partido (106,2) e unhas diferencias de case -40 puntos por encontro, o que o sitúa, sen dúbida ningunha, como vítima propiciatoria para reverter a situación e lograr a segunda vitoria da temporada. Cunha plantilla na que apenas un par de xogadores teñen experiencia na competición, o Ulla Oil Rosalía intentará sen dúbida unha mellora de imaxe que o leve a esquecer a dura derrota sufrida na casa por 66- 117 contra Mieres, de aí que, malia o optimismo betanceiro, haxa que tomar en serio unha cita nunha liga na que, ademais, o average é e vai ser un factor determinante.

Así valora o encontro José Amando Pena “Soviético”, o adestrador betanceiro: “Partido moi importante para volver á senda das vitorias. O Rosalía tamén necesita gañar e vai vir motivado para conseguir a primeira da temporada. Temos que impoñer o noso ritmo de xogo dende o minuto un tanto en ataque como en defensa. Como noticia positiva, a incorporación esta semana aos adestramentos de Luis Portilla“.

O partido terá lugar o domingo 8 ás 17h no José María Valeiro Iglesias “Tocayo” e será retransmitido por BalONcesto TV.

Importantes encontros do infantil feminino e o cadete masculino en Primeira

Polo demais, nunha fin de semana con amplas citas na casa (o que obriga alternar o pavillón municipal co do Instituto As Mariñas), o prato principal, sen dúbida, vai estar nos partidos que han disputar os dous equipos do club que compiten en Primeira División, aínda que por razóns ben distintas. Se as rapazas de Warnier Informática reciben ao Baxi Ferrol no José María Valeiro Iglesias “Tocayo” o sábado ás 10h en disputa do terceiro posto do Grupo Norte, os cadetes de J.Caamaño Arquitecto intentarán sumar a primeira vitoria (mesmo data e escenario, 12h) contra un rival directo para evitar o descenso: o Café Candelas Ensino.

Completan a nómina o partido dos infantís contra Los Rosales (sábado, 12h, pavillón das Mariñas), o das cadetes de Decornaveira ante Basquet Coruña (sábado, 16h, Ventorrillo), o das sénior feminino contra Artai (sábado, 18h, no Tocayo), do premini feminino fronte Compañía de María B (sábado, 19h, no Agra), dos sénior de La Goleta ante Moneyball Coruña (domingo, 10h, pavillón das Mariñas), das júnior feminino contra Esclavas (domingo, 12h, pavillón das Mariñas), dos premini masculino diante de Santa María do Mar (domingo, 12.30h, no Agra), do mini 2015 fronte a Montrove (domingo, 17.30h, na Sagrada Familia), do júnior masculino contra As Pontes (domingo, 19h, nas Mariñas) e do sénior de Segunda Autonómica contra Liceo la Paz (domingo, 19h, no Tocayo).

Comparte éste artículo
No hay comentarios