Formoso e Ricardo Cao asinaron hoxe dous convenios que inclúen 208.000 euros para apoiar os programas de divulgación científica, educación e cultura da UDC e 300.000 euros para renovar a cuberta da aula de estudo do campus de Elviña.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, asinaron hoxe dous convenios de colaboración polos que a institución provincial achega un total de 508.000 euros para cofinanciar actividades científicas, culturais e sociais da universidade e as obras de rehabilitación da cuberta da aula de estudo Xoana Capdevielle, situada no campus de Elviña.
O primeiro dos acordos establece unha achega provincial de 208.000 euros, que cobre o 80 % dun orzamento de 260.000 euros, para financiar o programa de actividades da institución académica. A colaboración abrangue ámbitos como o fomento da sustentabilidade e a loita contra o cambio climático, a igualdade e a xustiza social e a divulgación científica e actividades de extensión universitaria.
O bloque de divulgación científica e extensión universitaria, cun orzamento de 130.000 euros, inclúe iniciativas como os Premios Isabel Zendal, orientados a promover o pensamento crítico entre o alumnado de secundaria e bacharelato, e o programa “Divulgando o noso”, que achega á cidadanía os resultados da investigación da UDC mediante infografías científicas e a súa difusión en colaboración con concellos, museos e outras entidades.
Neste ámbito tamén se encadran os obradoiros creativos, as aulas de teatro, danza e música, o club de lectura de NORMAL, as residencias artísticas, as exposicións e a programación do Festival Internacional de Teatro Universitario da Coruña. Son propostas que abren a actividade cultural da universidade á participación da cidadanía e ofrecen espazos de formación, creación e encontro.
A liña de sustentabilidade conta cun orzamento de 101.000 euros e comprende o proxecto Green Power, coordinado pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, no que equipos de estudantes deseñan e constrúen vehículos eléctricos para participar en carreiras de resistencia. A iniciativa combina a aprendizaxe práctica da enxeñaría co fomento das vocacións científicas e tecnolóxicas e a mobilidade sustentable. O convenio tamén contribúe ao financiamento da final nacional da First Lego League celebrada no campus de Ferrol, centrada na robótica educativa e na resolución de problemas reais mediante a ciencia e a tecnoloxía.
A Deputación apoia tamén a Clínica Xurídica “Xustiza Social”, na que o estudantado, baixo supervisión académica e profesional, pon os seus coñecementos ao servizo de persoas en situación de vulnerabilidade.
O acordo abrangue, ademais, actividades do programa Espazo Compartido, a asistencia persoal a estudantes con discapacidade que precisan apoio para desenvolver a súa vida universitaria e un programa de formación e empregabilidade para persoas con discapacidade cognitiva no campus de Ferrol, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Tamén contempla axudas para alumnado refuxiado, solicitante de asilo ou procedente de zonas de conflito ou receptoras de axuda oficial ao desenvolvemento, destinadas a cubrir gastos de matrícula, expedición de títulos, aloxamento e manutención.
Rehabilitación da aula de estudo Xoana Capdevielle
O segundo convenio contempla unha inversión provincial de 300.000 euros nas obras de rehabilitación da cuberta da aula de estudo Xoana Capdevielle, no campus de Elviña, que xa están nun estado avanzado de execución. A actuación conta cun orzamento de 738.562,09 euros e ten como finalidade resolver os problemas de estanqueidade e filtracións de humidades deste espazo universitario, que conta con 654 postos de estudo.
Os traballos consisten na retirada das capas actuais da cuberta ata a chapa de soporte e a instalación dun novo sistema de illamento térmico e impermeabilización do edificio. Tamén se están renovando as canles de recollida de auga, que terán maior capacidade, e as carpintarías vinculadas a estes elementos.
A intervención permitirá mellorar a eficiencia enerxética e as condicións de uso da aula, un espazo de estudo de utilización intensiva por parte do alumnado.