O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, reuniuse coa Xunta de Persoal de funcionarios de xustiza da cidade para abordar os detalles do traslado desde o edificio dos antigos xulgados na rúa Lalín á rúa San Sebastián.
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, reuniuse coa Xunta de Persoal de funcionarios de xustiza da cidade nas novas instalacións ás que se trasladará o Rexistro Civil de Vigo. No encontro explicoulles que o traslado á nova ubicación desde o edificio dos antigos xulgados na rúa Lalín realizarase o vindeiro luns, 26 de maio.
Ademais de trasladar o persoal tamén se moverá a documentación relevante do arquivo do Rexistro Civil, polo que para facelo coas medidas de seguridade requiridas precísanse tres días. José Tronchoni aclaroulle á Xunta de Persoal que, durante esas xornadas non se verán afectadas as certificacións urxentes nin a axenda de sinalamentos para a celebración das vodas.
Cómpre lembrar que a Xunta investiu case 240.000 euros na transformación e reorganización dos espazos do Rexistro Civil na rúa San Sebastián e na habilitación do local da sala de vodas, situado nun anexo na rúa Abeleira Menéndez. No que se refire ao Rexistro Civil redistribuíronse espazos das plantas baixa e primeira, e renováronse os sistemas de climatización, ventilación e iluminación. A maiores, no soto habilitáronse dependencias para despachos e instalouse mobiliario para 17 postos de funcionarios, ademais de colocar estantes rodantes para documentación.
Lei de eficiencia xudicial
Por outra parte, na xornada de hoxe o director xeral de Xustiza tamén visitou os xulgados de Cangas, onde abordou cos funcionarios e letrados da Administración de Xustiza a implantación da nova oficina xudicial. A oficina xudicial de Cangas enmarcase na primeira fase de implantación da lei estatal de eficiencia xudicial que prevé a súa posta en marcha en 38 órganos xudiciais galegos para o 1 de xullo. No caso de Cangas trátase do modelo 1 de organización integrada, en exclusiva, por un servizo común de tramitación, que asumirá a totalidade dos servizos procesuais e administrativos, tal e como se recolleu no Diario Oficial de Galicia.
José Tronchoni explicou, en base a esta resolución, que as oficinas xudiciais deben coordinarse coas oficinas de xustiza dos municipios para a adecuada práctica dos actos de comunicación e posibilitarán a intervención de residentes no municipio por videoconferencia e os demais servizos encomendados a esas oficinas. Nesta liña, o director xeral de Xustiza anunciou que na oficina xudicial de Cangas realizarase unha proba piloto desta conexión coa oficina de xustiza do municipio de Moaña.