O Lugo mantén a liña de liderado e gaña en Cáceres (0-1)

O Lugo mantén o seu altísimo nivel competitivo logo de derrotar ao Cacereño no Príncipe Felipe. Un golazo de Morchiladze, o primeiro da temporada do xeorxiano, valeu para que o cadro lugués sexa máis líder.

Mísil de Morchiladze

Borja Fernández só modificou un nome a respecto do once inicial do choque contra o Mérida. Morchiladze gozaba da confianza para asumir a súa primeira titularidade, ficando na reserva o exterior Gallar. O Cacereño condicionou o xogo do Lugo, que se adaptou axiña a practicar un fútbol diferente, baseado nos balóns longos para ir a un partido no que a segunda xogada volveríase esencial. O Lugo, coa mellor banda dereita do grupo, explotou esa vía axiña. Lucero chegou até a derradeira estación, pero ficou sen ángulo para sorprender a Nieves.
A segunda clara do Lugo foi para dentro. Morchiladze recibiu e non o pensou. Desde a súa casa colocou a pelota na escuadra do marco de Nieves para adiantar ao líder. O Lugo tiña o partido onde desexaba. Godoy puido rematar pouco despois un centro de Simón, cada vez máis dono do lateral esquerdo, pero un defensa rozou para evitar o gol.
Embadje non tiña problemas para resolver centros laterais antes que Godoy volvera a probar ao meta local. A vaselina acabou entre as luvas do meta.
Tamén o Cacereño procurou algo máis de resolución interior e Embadje, en dous tempos, chapou un xute de Monerris no minuto 33. Logo, só tivo que seguir coa mirada un golpeo cruzado de Osama a pase de Iván Fernández.
A intensidade e as dúas propostas dos contendentes fixeron que o partido mantivera a expectación, pero até o descanso as ocasións abondaron máis na área do cadro visitante.

Saber rebaixar as revolucións

O segundo tempo mantivo o ritmo do primeiro. Para o Luo era recomendable baixalo, pero non era capaz. Por causa diso, o Cacereño estivo a piques de empatar no minuto 56. Osama, cunha cabezada na área, tampouco deu superado a Embadje, que se estirou para sacar en dous tempos o remate polo centro.
Borja Fernández sacou a Godoy e a Ulloa do campo para dar entrada a Perera e Dauda. A presenza do primeiro debería reducirlle a velocidade á derradeira media hora do partido. Non o conseguiu porque, mentres se axustaban ás súas posicións, Osama e Álex Costa pisaron cada área de xeito case continuado.
Despois foi Dauda, que continúa negado cara ao gol, quen o tentou cunha cabezada en plongeon, Álex Costa, no seu mellor partido como branco e vermello, non atinou cun remate mordido que atallou Nieves aos 76 minutos. Igual resultado aconteceu sete máis tarde cos mesmos protagonistas logo dun centro de Palma.
O partido morreu na área de Embadje, con opcións para Artola e Osama que non concretaron. Malia nese balón á área, o Lugo manexouse ben nos catro minutos de prolongamento, non que non estragou o grande traballo realizado nos anteriores.
Fin de semana coa visión posta no resto dos perseguidores. Algún deles ficará máis distanciado tendo en conta que hai un Racing-Logroñés.

Ficha

VENRES 06/11/2026 (19,00) Campo: PRÍNCIPE FELIPE (3.500)
C. POL. CACEREÑO : 0 – C.D. LUGO : 1 (0‑1)

CAC : Nieves; Martínez (Alonso 79’), Víctor Rodríguez (Artola 70’), Expósito, Manolo Molina; Iván Fernández (Sergi López 70’), Nico Conesa, Toño Calvo (Tellechea 63’), Runy (Luis Sánchez 63’), Monerris; Chit. Tre. Julio Cobos. (Banco: Germán (g); Barea; Gete; Alonso; José González: Unai Rodríguez).
LUG : Embadje; Lucero, Kike, Pol Moreno, Simón; Parrilla, Ulloa (Perera 60’), Godoy (Dauda 60’); Mochiladze (Palma 67’), Álex Costa, Chiqui (Berzal 89’). Tre. Borja Fernández. (Banco: Marc Martínez (g); Achore; Gárriz; Hugo Pascual; Pere Haro; Kevin; Mateo; Gallar).
Goles: 0-1 Morchiladze 19’.
Árbitro: Expósito Jaramillo (Andalucía). Auxiliares: Agote Garrido e Gómez Florido. 4º árb.: Agraz Díaz.
Disciplina: CA: Morchiladze 44’; Lucero 46’; Pol Moreno 55’; Molina 68’; Expósito 75’; Dauda 86’.

Comparte éste artículo
No hay comentarios