O lehendakari Urkullu ven de propor unha fonda reforma do marco xurídico-político español para acadar o recoñecemento da plurinacionalidade do Estado e máis a capacidade de decisión e garantia dunha relación bilateral de Euskadi e Nafarroa, ao abeiro da normativa constitucional que abeira os dereitos forais destes territorios e, tamén, de Catalunya e Galicia como nacionalidades que decidiron democráticamente o seu autogoberno antes de que aprobaran a Constitución
A proposta elude unha reforma constitucional formal, consciente da falla estrutural dos 3/5 de deputados e senadores precisos para irmos á súa máis curta e limitada modificación e opta, xa que logo, por un acordo-marco que fixe os alicerces para este desenvolvemento, ao que seguiria unha convención constitucional. Despois -compre deducirmos- haberían seguir as leis orgánicas, novos Estatutos de autonomía e reformas das leis básicas precisas para estruturar esa modificación material do marco xurídico-político .Conxunto de reformas normativas que poderían chegar descentralizar amplamente o goberno do Poder Xudicial e limitar substancialmente as competencias do Tribunal Supremo, canda ampliar e blindar as competencias de Galicia e modificar substantivamente o financiamento autonómico, mesmo coa posibilidade de lle atribuir ao País a recadación, xestión e liquidación fiscal.
A FAES, o PP e outros voceiros do unionismo centralista opoñen a esta mutación constitucional material os princípios da soberania única do Estado e da súa unidade indisolúbel. O camiño cara unha mutación constitucional que recoñecera a plurinacionalidade do Estado e o dereito de decidirmos requiriría, segundo estes desaquelados intérpretes, dunha reforma constitucional agravada (voto dos 2 /3 das duas Cámaras, disolución posterior das mesmas e referendum ratificatorio de toda a cidadania española). Para eles a Constitución é irreformábel, mais nin Galicia, Euskadi e Catalunya nin a maioria cidadá no Estado haberíamos pasar por condena semellante.
A Sentenza 42/2014 do Tribunal Constitucional ( que anulou a declaración de soberania de Catalunya do Parlament de 23.01.2013, mais declarou a constitucionalidade do rcoñecemento do seu dereito a decidir dentro duns determinados parámetros ) recoñece que o principio democrático esixe non só respectar, senón integrar as decisións das minorias (tamén das nacionalidades) a xeito dun proceso de negociación que pode, senon abeirar declaracións unilaterais de independencia, si excluir o rexeitamento a negociar decisións futuras constatábeis e democráticas da cidadania galega, vasca ou catalá.
O BNG ainda non avaliou esta proposta, malia que encaixe ao cento por cento na súa, arestora, multifronte reivindicación (financiamento, autogoberno, infraestruturas, enerxía…) da axenda galega . O Presidente Rueda, pola súa banda, non refugou a proposta, o que de certo agoira tensións futuras do PdeG canto á cuestión nacional galega no caso de que Sánchez acadara a investidura nesta enleada conxuntura.
Como escrebiu esta semana José Luis Gómez, Urkullu ven de xerar un debate fulcral para Galicia.