Ás numerosas queixas pola falta de prazas, pouca frecuencia e retrasos dos últimos meses, súmase agora a desinformación en torno á posta en marcha da estación intermodal.
ADEGA-A Coruña denuncia a despreocupación das administracións públicas polo transporte metropolitano, tanto en autobús como en tren, na semana da posta en marcha da estación intermodal da Coruña. Nos últimos días, a organización colocou varios carteis na zona para reclamar melloras urxentes neste eido e visibilizar as protestas da cidadanía, en aumento. A inauguración desta infraestrutura sen posibilidade actual de intercambio entre tren e autobús e sen conexión directa co aeroporto manifesta unha total falta de compromiso coa mobilidade sustentábel.
Non foi ata a semana anterior á inauguración cando a Xunta deu a coñecer a ruta que seguirían os autobuses para acceder á nova estación e as paradas que se verían afectadas polos cambios. As persoas usuarias habituais apenas tiveron marxe para se adaptar, e a única información facilitada pola empresa consistiu na colocación duns carteis no interior dos autobuses, unha medida claramente insuficiente e ineficaz. A isto súmase a ausencia de sinalización adecuada na vía pública que indique como acceder á intermodal.
Esta situación provocou nos últimos días o aumento das queixas de persoas usuarias, nun contexto no que se veñen configurando desde o 2025 diversos colectivos cidadás para protestar polas numerosas queixas do servizo de transporte público metropolitano. Desde ADEGA-A Coruña mostran o seu apoio á recentemente creada plataforma “Queremos chegar”, que pretende unir todas as demandas das usuarias na comarca coruñesa.
Demandas de ADEGA
Ante a absoluta falta de previsión na estrea dunha infraestrutura chave para a comarca da Coruña como é a intermodal, ADEGA demanda que se tomen as medidas oportunas e se revisen os contratos coas empresas concesionarias dos autobuses metropolitanos. Tamén que se empreguen as infraestrutura ferroviarias existentes para desconxestionar o transporte por estrada. A Xunta é coñecedora da situación do transporte metropolitano coruñés e, porén, non está a facer nada. Nin sequera sen ten reunido cos colectivos de usuarias para escoitar as súas demandas.
Desde a organización ecoloxista esiximos:
- Aumentar frecuencias nas liñas con maior número de usuarias.
- Máis prazas nos momentos de máxima afluencia como a primeira hora da mañán para as liñas que entran na cidade.
- Coordinar os servizos de autobuses urbanos e interurbanos cos horarios do tren que permitan intercambiar entre o tren e bus sen grandes esperas.
- Facilitar a entrada de bicicleta en todos os medios de transporte metropolitano.