O sindicato denuncia cargas policiais excesivas na Coruña e Santiago e o atropelo dun membro dun piquete informativo en Pontevedra
Os primeiros datos de seguimento da folga xeral en Galicia amosan un importante seguimento, en especial nos sectores máis sindicalizados, como os da automoción e o naval. Tamén noutros sectores estratéxicos a repercusión está a ser relevante, como no transporte de viaxeiros ou na recollida do lixo, nos que practicamente só se están a cumprir uns servizos mínimos que Comisións Obreiras xa denunciara como «abusivos» e destinados a rebaixar o impacto da convocatoria.
Así pois, na industria galega está a rexistrarse un seguimento na contorna do 70 %, con fábricas paralizadas na práctica totalidade coma Navantia Ferrol, GKN Driveline en Vigo ou a conserveira Profand e DS Smith en Vilagarcía. Tamén o polígono do Tambre, en Santiago, permaneceu pechado totalmente durante dúas horas esta mañá, no momento de entrada da meirande parte das persoas traballadoras.
Tamén está a ser salientable a participación da clase traballadora nos portos do Estado radicados en Galicia, cun seguimento que rolda o 60 % nestas primeiras horas de folga.
No transporte por estrada, un 80 % das persoas traballadoras non está a acudir ao seu posto, unha porcentaxe que se eleva ao 100 % no caso de Monbús en Lugo. No sector ferroviario, o seguimento tamén rolda o 70 %; mentres que na recollida de lixo elévase ao 80 %. Estes sectores, en todo caso, están marcados polos abusivos servizos mínimos impostos pola Xunta de Galicia e outras administracións. CCOO lembra que unha estratexia desmobilizadora semellante, levada a cabo pola Comunidade de Madrid de Isabel Díaz Ayuso, acaba de ser anulada polo Tribunal Superior de Xustiza madrileño.
Incidencias
CCOO de Galicia avalía de maneira positiva o arranque da folga, pola resposta dos sectores máis organizados e pola implicación das persoas máis novas. Porén, cómpre lamentar algúns incidentes non desexados. É o caso do integrante dun piquete informativo no polígono pontevedrés do Campillo que foi atropelado por un condutor. O traballador afectado, afiliado a Comisións Obreiras, tivo que acudir ao hospital de Montecelo con feridas que están a ser avaliadas.
Os feitos ocorreron cando o piquete realizaba o seu labor informativo de maneira pacífica e este condutor decidiu acelerar, de forma que o home quedou subido ao capó durante uns metros ata saír proxectado contra o chan. O sindicato puxo en coñecemento das forzas de seguridade este «lamentable incidente, instigado polo clima de tensión e desprezo que, desde a dereita, se vén xerando cara a esta folga xeral», expón.
Ademais, producíronse cargas policiais desproporcionadas na Coruña, na entrada de Tranvías, e no polígono santiagués de Costa Vella. No caso da cidade herculina, os axentes utilizaron gas pementa e causaron feridas a dúas sindicalistas de CCOO. O sindicato reclama ás forzas de seguridade que non fagan un uso excesivo da forza para reprimir o lexítimo dereito á folga das persoas traballadoras.