Máis de 200 nenos participaron nas actividades organizadas para nenos e nenas nos campamentos de Concello, Agrupación Musical do Rosal, UD Ribera e Valinox Novás
Éxito rotundo dos campamentos de verán no Rosal, que durante a tempada estival brindaron a máis de 200 nenos e nenas unha experiencia enriquecedora e de lecer na que se promoveu o contacto coa natureza, a autonomía persoal ou a igualdade dun xeito ameno e divertido.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destaca que durante os meses de xullo e agosto grazas aos campamentos de Concello, Agrupación Musical do Rosal, UD Ribera e Valinox Novás “a rapazada puido gozar dunha alternativa de lecer lúdica e educativa durante as súas vacacións estivais ao tempo que se favorecía a conciliación familiar e laboral de rosaleiros e rosaleiras, tan importante nestas datas”.
A rexedora salienta a grande acollida das actividades organizadas, entre as que destacou a participación de nenos e nenas de varios dos campamentos no proxecto ‘Mulleres que inspiran’, un programa posto en marcha polo Concello para continuar revolucionando metes, promocionar a igualdade real e previr a violencia de xénero a través de referentes femininos en todos os eidos. Deste xeito, a rapazada participou en xornadas de convivencia nas que participaron dúas mulleres deportistas de disciplinas historicamente masculinas e dúas xornalistas deportivas que deron visibilidade ao deporte practicado por mulleres, desmitificando a supremacía do deporte masculino, relatando as súas experiencias persoais e animando ás nenas e nenos dos campamentos a realizar diferentes deportes de forma profesional.
Aos 40 cativos e cativas que participaron no campamento municipal sumáronse os 90 nenos e nenas de 5 a 16 anos do VI Campus de Fútbol da UD Ribera, un campus recoñecido a nivel comarcal e un reclamo para rapazada e familias. A forma de traballar abarcando diferentes rexistros como técnica, competición, finalización e deportes alternativos son un gran xeito para que nenos e nenas aprendan tanto a nivel deportivo como humano. As e os participantes recibiron as visitas de profesionais como Yago Gandoy, ex xogador do Deportivo da Coruña, ou Carol González, campioa do mundo de fútbol praia. Todo un éxito que se amosa no crecemento do campus durante os últimos anos, cunhas cifras de participación que crecen cada ano.
Pola súa banda, os 50 rapaces e rapazas que participaron no campamento do Valinox Novás puideron desfrutar dunha acampada con velada nocturna como peche do campus, no que a cativada pasouno de marabilla con xogos tradicionais, bailes, visitas sorpresa e risas a esgalla. Foi o fin de festa a un campus multideporte con actividades moi variadas como xincanas, voleibol praia, ciclismo, caiac, atletismo… coas que pasar as vacacións de verán de forma divertida e dinámica.
Lecer e diversión tamén para os 25 nenos e nenas que participaron no campamento da Agrupación Musical do Rosal, que fixo entre outras moitas actividades unha busca do tesouro por todo o centro urbano con pistas e retos para resolver, incluso dentro da Casa Consistorial.
En definitiva, foron dous meses de xogos e saídas didácticas con actividades coas que espertar a curiosidade de nenos e nenas e desfrutar dun verán activo. A alcaldesa sinala a relevancia destas actividades para facilitar a conciliación familiar e laboral de rosaleiros e rosaleiras. “Estes campamentos de verán non son só un espazo para aprendizaxe e a diversión, senón que tamén desempeñan un papel fundamental na conciliación”, resalta Ánxela Fernández Callís.