O Deportivo estará por terceira campaña consecutiva nos oitavos de final da Copa de España feminina logo de superar ao Europa, equipo que milita dúas categorías por debaixo das herculinas, cunha cabezada de Marisa no derradeiro saque de esquina do partido. A unidade B do cadro galego non puido resolver unha eliminatoria, que acabou por ser agónica, ao non haber prórroga, e asomar a ameaza dos penaltis a dous minutos dos mesmos. Antía Mayo estreouse nun partido oficial co primeiro equipo deportivista.
Presión, posesión, disparos e cero goles
Alberto Rodríguez presentou varias novidades no once do Deportivo na súa estrea copeira en Nou Sadenya, o lugar onde comezara o retorno á Primeira División. Eva, que non xogara aquel 10/09/2023, e Paula Monteagudo, que participara no primeiro tempo, até ser substituída no descanso por Elena, eran as que volvían por segunda vez ao feudo barcelonés do barrio de Gracia.
O partido comezou con moita presión deportivista. As de Alberto Rodríguez fixéronse co balón dificultando que o Europa fora atopándose cómodo no decorrer do xogo. Era o lóxico desequilibrio de forzas entre un Primeira División e un Segunda Federación.
Malia ter un equipo para atopar recursos por fóra, o cadro galego apenas creou ocasións. A estreante Antía Mayo era o referente ofensivo, pero o seu papel reduciuse a desmarques ausentes de servizos.
As finalizacións visitantes partiron do xogo exterior cara ao interior e disparos desde fóra da área. Non houbo situacións nas que Mar Pérez vida comprometida a súa portería. Polo lado contrario, o cadro catalán, dúas categorías por baixo, non apareceu en ataque. Natalia e Mariana correron máis atrás do balón, defendendo, que téndoo nas súas botas.
O primeiro tempo rematou sen incidencias.
Marisa evita a catástrofe
Paula Hernández tivo o primeiro disparo do segundo tempo. A súa rosca desde a frontal perdeuse perto da escuadra. Rodríguez permutou de banda ás extremos e Lucía Rivas tivo a mellor ocasión até o minuto 48, nun balón que controlou na área, pero no seu incorrixible costume de baixar a cabeza en cada golpeo forte, estrelou un disparo de gol contra o corpo de Júlia Serrat.
A resposta local foi inmediata. Logo dun saque es esquina produciuse o ataque más longo das “escapulats”. Ariadna gañou a pugna a Olaya, o seu centro desde a liña de fondo foi despexado en curto pola defensa á posición de Natalia, que pateou unha bola que pasou a un metro do pau.
O partido nacera roto na segunda metade e Antía Mayo, entrando polo estreito corredor que lle deixaron Ariadna e Rojo, puido darlle ao coiro coa biqueira para elevalo sobre a saída de Mar Pérez. A pelota non foi a portería.
Pasada a hora de xogo, despois que o Deportivo incorporara a tres que foran titulares contra o Valencia, Vega colocou un centro á área que Marisa cabeceou fóra. O Deportivo carecía de profundidade pola dereita e volvíase previsible. O mellor dos seguintes minutos foi un córner lanzado por Ainoa Gómez que se convertería en gol olímpico de Mar Pérez non estar resolutiva co despexe de puños.
No minuto 82, Marisa non puido controlar un pase no corazón da área, pero o coiro foi para Karla, que xutou a un palmo do poste. A continuación, Pubill cruzou de cabeza un centro da mexicana Mariana Díaz. A pelota pasou a rentes da portería visitante.
No derradeiro córner do partido, malia executar mal a estratexia na que Paula Hernández aparecía liberada na área, o balón quedou a medio recorrido e Marisa, ollando que as centrais ficaron estáticas, entrou con forza para colocar unha cabezada picada ao fondo da rede.
O Deportivo salvaba os mobles moi ao final e a súa papeleta estará nun dos bombos que repartan aos equipos na eliminatoria de oitavos de final. O gol segue sendo unha disciplina pendente para un plantel que parece depender máis de Millene e que é absolutamente intermitente no seu xogo contra equipos de primeira, ou de terceira.
Ficha
XOVES 12/11/2026 (20,00) Campo: NOU SARDENYA (712)
C.E. EUROPA : 0 – R.C.D. A CORUÑA : 1 (0-0)
EUR : Mar Pérez; Uranga, Ariadna, Rojo, Júlia Serrat (Vendrell 67’); Sheyla (Paula Arcos 67’), Andrea, Martina, Aina (Kojima D), Natalia (Pubill 77’); Mariana Díaz (Laura 85’). Tre. Nany Haces. (Banco; Alba (g); Dolan (g); Núria; Alba Pérez; Naiara; Abad).
COR : Andrea; Paula Novo, Domínguez (Ranera 67’), Castiñeyras, Paula Monteagudo; Apóstol (Vega 55’), Eva, Paula Hernández, Olaya (Ainoa Gómez 55’), Lucía Rivas (Karla 77’), Antía Mayo (Marisa 55’). Tre. Alberto Rodríguez. (Banco: Antía Veiga (g); Redru; Laurita).
Goles: 0-1 Marisa 89’.
Árbitra: Trujillano Gallardo (Tenerife). Auxiliares: Alonso Fernández e López Campos. 4ª árb.: Aguilera Manzano.
Disciplina: CA: Ainoa Gómez 74’; Paula Hernández 86’.