A Deputación da Coruña reivindica na Laracha o agro como opción de futuro para a mocidade

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, participou na xornada “A Laracha Conecta”,  na que se deron a coñecer as experiencias de Horta Bertoa, Hortalizas Añón Pardiñas e A Brea 36.

A deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán, defendeu hoxe en Paiosaco (A Laracha) a necesidade de facilitar o acceso á terra, a formación e a rendibilidade das explotacións para favorecer o relevo xeracional no campo. Fíxoo durante a xornada “A Laracha Conecta: O Agro”, organizada polo Concello da Laracha coa colaboración de AXOBER.

“Necesitamos que a mocidade vexa no agro unha oportunidade profesional e empresarial. Que incorporarse a unha explotación ou emprender no rural sexa unha opción de futuro, con formación, recursos e expectativas de rendibilidade”, afirmou Capelán.

O encontro permitiu coñecer de primeira man as experiencias de Horta Bertoa, Hortalizas Añón Pardiñas e A Brea 36. A deputada destacou o valor de reunir a quen xa traballa no sector coa mocidade que está a decidir o seu futuro profesional. Sinalou tamén que a colaboración entre produtores, empresas e centros de formación pode axudar ás explotacións a incorporar tecnoloxía, mellorar a comercialización dos seus produtos e chegar a novos mercados.

Apoio da Deputación ás entidades do sector primario

A Deputación cofinancia o programa “A Laracha Conecta”, un programa municipal que pon en contacto empresas, profesionais, centros educativos e administracións para achegar á mocidade as oportunidades de formación, emprego e emprendemento que ten na súa contorna. 

Capelán lembrou tamén que a Deputación ven dee punlicar as bases de dúas liñas de subvencións para o ano 2027 específicas para as entidades agrarias, labregas, gandeiras e forestais. Unha delas conta cun orzamento de 225.000 euros para investimentos e a outra conta coa mesma contía para financiar actividades destas entidades.

A deputada pechou a súa intervención cun recoñecemento ás persoas que manteñen a actividade económica no rural coruñés. “O rural da provincia da Coruña ten futuro e desde a Deputación queremos estar ao lado de quen o fai posible”, concluíu.

Comparte éste artículo
No hay comentarios