Nas circunscricións de Lugo e Ourense, onde se elixen catro deputados, a discusión sobre o voto útil require menos consignas e máis aritmética. A dimensión reducida dos distritos e a fórmula D’Hondt fan que pequenas variacións poidan alterar o último escano. O conxunto de estudos demoscópicos para estas eleccións a día de hoxe eliminan de facto Vox e as esquerdas estatais á esquerda do PSOE do xogo de escanos, reducido a PP, PSOE e BNG.
Entre estas tres forxas políticas, semella xa descontado que PP obterá dous escanos seguros en cada unha destas dúas circunscricións, mentres que o PSOE semella ter garantido cadanseu escano. A cuestión redúcese nun 99% de posibilidades, a determinarmos quen dos tres partidos principais levará o cuarto e derradeiro representante Neste senso, o reparto tradicional de tres representantes do PP e un do PSOE non é unha lei natural: responde a unha distribución concreta de votos que semella que desta volta pode mudar. Os últimos tracking das enquisas electorais reflicten que o PP perde porcentaxe electoral a respecto de 2023, sen dúbida pola erosión que sofre pola mellora relativa de Vox, mentres que semella que o PSOE non ten moi factíbel quitar o segundo escano en ningunha destas circunscricións. Mentres, o crecemento do BNG nos estudos demoscópicos xa lle atribúe o último escano en Lugo do tracking do Electopanel que elabora Electomanía, recurtando substancialmente distancias cara o escano análogo de Ourense.
Nas dúas circunscricións, de cadanseus catro representantes, semella que o último ficará ao alcance do BNG se este reúne voto progresista e galeguista que doutro xeito ficaría espallado ou na abstención. Desta volta, en calquera caso, é xa unha oportunidade aritmética real. Cómpre, neste senso, lembrar o precedente de decembro de 2015, cando En Marea obtivo representación en Lugo e Ourense, determinando un repartimento 2-1-1. Non se trata de equiparar espazos nin de supor transferencias automáticas de electorados, máis si de afirmar que unha candidatura alternativa con masa crítica pode rachar a inercia bipartidista tamén nas circunscricións luguesa e ourensá .
O voto no PSOE ou no BNG en Lugo e Ourense partilla o obxectivo reactivo de contribuir evitar un goberno de coalición da dereita conservadora extremizada do PP e da extrema dereita de Vox. Mais o BNG, partillando esa utilidade reactiva co PSOE, achega outras utilidades proactivas substantivas. Nesta volta é o único voto que achega unha axenda galega propia e non subordinada ás prioridades sistémicas do PSOE.
En Lugo e Ourense, esa axenda galega ten contido concreto. A dispersión da poboación, o envellecemento e a perda de servizos obrigan a reclamar un financiamento autonómico que sexa quen a prover sanidade accesíbel cunha atención primaria de calidade garantida, transporte, oferta educativa en servizos sociais e da dependencia. Tamén unha atención ás necesidades concretas da vivenda na Galicia interior, ben singulares a respecto das de Madrid.
Canto ás políticas produtivas, o soberanismo é garantía da atención ao sector agrogandeiro e mar-industria, este de moi importante impacto na economía mariñá do Norte lugués. E para que o marco normativo estatal permita unha politica enerxética galega acaída ás necesidades das nosas empresas e familias, que evite o sacrificio do noso territorio polo interese dos territorios consumidores non produtores, como a rexión de Madrid. A transición ecolóxica e os fondos públicos non poden converter Galicia nun espazo de extracción de recursos, deixando aquí os custos e desprazando fóra os beneficios. A representación nacional galega ha esixir transparencia, retorno territorial e protección do emprego, das pequenas e medianas empresas, do comercio de proximidade e do sector primario. Para máis, esta representación ha ser a que reivindique o autogoberno e o seu acaído financiamento como pancas esenciais do benestar, canda o afondamento nas liberdades públicas e dereitos sociais.
Velaí que ese voto en clave galega poida ofrecer o 29-N unha dobre rendibilidade para a veciñanza das circunscricións luguesa e ourensá: disputar con bo suceso á dereita ese terceiro escano e garantir unha representación galega con iniciativa propia. Máis capacidade reactiva de freo e máis capacidade proactiva de proposta e control, en clave galega, a prol dos intereses da nosa cidadanía. Unha suma; non unha contradición.