ADEGA impugnará a creación da sección especial de reforzo do eólico no TSXG por falta de garantías e opacidade

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) manifestou a súa total oposición á proposta de crear unha sección especial de reforzo destinada a resolver os litixios sobre autorizacións de parques eólicos no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Ante esta situación, a entidade ecoloxista anunciou que impugnará a medida por todas as vías legais que procedan, ao considerar que tanto a súa configuración como a súa tramitación vulneran as garantías esenciais que deben rexer a organización dos tribunais nun Estado de Dereito.

Falta de transparencia e coincidencia con Xuízas e Xuíces para a Democracia

ADEGA amosou o seu respaldo á preocupación xa expresada publicamente por Xuízas e Xuíces para a Democracia, asociación que denunciou o procedemento de selección directa dos integrantes deste reforzo, levado a cabo sen publicidade nin criterios de libre concorrencia. A proposta chegou a incluírse na orde do día da Sala de Goberno do TSXG do pasado 30 de outubro en formato de simple dación de conta, hurtando así o debate e o control xurídico sobre a súa legalidade.

A día de hoxe, o Tribunal segue sen publicar a acta daquela sesión, o que segundo ADEGA incrementa a opacidade nun asunto de máxima transcendencia para os colectivos que manteñen recursos eólicos abertos. Para a organización, aínda que a saturación dos xulgados é evidente, a solución exixe dotar de medios suficientes e respectar estritamente as normas de designación de maxistrados, sen que a carga de traballo poida servir de escusa para saltarse as garantías.

Unha espiral de inseguridade xurídica e cambios constantes

Esta nova iniciativa prodúcese tras o traslado forzoso dos maxistrados da Sección Terceira —que até entón valoraba os recursos eólicos— e a posterior derivación deses asuntos á Sección Segunda. Decisións que ADEGA xa ten recorridas ante o Tribunal Supremo e o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), lembrando que o Alto Tribunal xa recoñeceu a súa competencia para xulgar estas impugnacións.

Para a asociación ecoloxista, esta cadea de decisións gobernativas atenta contra o dereito fundamental ao xuíz ordinario predeterminado pola lei e erosiona a tutela xudicial efectiva. Todo iso nun contexto que cualifican de «presión política e empresarial» fronte ás cautelares que detiveron a execución de numerosos proxectos eólicos. O resultado, denuncian, é un escenario de litixiosidade sen precedentes no que a composición da Sala encargada de vixiar o sector mudou tres veces en poucos meses, camiño da cuarta.

Finalmente, ADEGA lamenta que, a pesar de ter solicitado hai meses amparo e aclaracións tanto á presidencia do CXPX como á do propio TSXG —peticións que seguen sen resposta—, a organización mantense firme na defensa do patrimonio natural galego e esgotará todas as vías xurídicas para garantir unha xustiza independente e con plenas garantías legais.

Comparte éste artículo
No hay comentarios