Os participantes no Día da Bicicleta darán dúas voltas á Muralla e percorrerán varias rúas do casco histórico de Lugo

A XXXII edición da marcha celebrarase este domingo 22 de novembro, con saída e chegada na zona peonil da Mosqueira, e estará aberta a persoas de todas as idades.

O Concello de Lugo e La Voz de Galicia organizan o vindeiro domingo 22 de novembro a XXXII edición do Día da Bicicleta, unha marcha popular e non competitiva duns cinco quilómetros que percorrerá o contorno da Muralla e distintas rúas do centro histórico.

A actividade está aberta a persoas de todas as idades e non require inscrición previa: abonda con acudir coa bicicleta e participar na marcha.

A concentración dos participantes comezará ás 11:30 horas na zona peonil situada fronte á Mosqueira, onde haberá música cun DJ. A saída está prevista para as 12:00 horas desde ese mesmo punto, que tamén será o lugar de chegada, arredor das 12:45 horas.

Os participantes darán dúas voltas completas ao redor da Muralla. Tras a primeira, realizarán unha parada de reagrupamento fronte á Mosqueira, arredor das 12:20 horas. Unha vez completada a segunda volta, agruparanse fronte á porta de Bispo Odoario para continuar polo centro histórico, pasando pola rúa Montevideo, Quiroga Ballesteros, Santo Domingo, a rúa da Raíña, a Praza Maior e Bispo Aguirre. Desde aí regresarán á zona peonil da Mosqueira.

Ao rematar, os participantes poderán pasar polo corredor de avituallamento para recuperar forzas e recibir as participacións para o sorteo de bicicletas e material deportivo, que se celebrará en directo arredor das 13:00 horas.

Trátase dunha marcha non competitiva, sen cronómetros nin clasificacións, pensada para gozar da bicicleta, promover o deporte e fomentar o lecer saudable en familia. A organización recomenda o uso do casco.

Comparte éste artículo
No hay comentarios