Os senadores do PP lucense advirten que “o Goberno de Sánchez non investiu nada na A-76 na provincia de Lugo”

A situación desta infraestrutura evidencia “falta de compromiso do Goberno de Sánchez” e “incumprimento do pacto entre PSOE e BNG” polo que “os nacionalistas tamén son corresponsables”.

 “O Goberno de Sánchez non investiu nada na autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada ao seu paso pola provincia de Lugo”, segundo se desprende da resposta do Executivo ás preguntas formuladas polos representantes do PP lucense no Senado.

José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano dirixíronse formalmente ao Goberno de España para preguntar polas cantidades orzamentadas a partir do 2019 para esta autovía, así coma as partidas finalmente executadas.

A resposta do Ministerio resulta especialmente preocupante porque elude contestar ás dúas preguntas. En lugar de facilitar datos concretos, o Executivo limítase a afirmar que a actuación realizada entre 2019 e 2026 centrouse na redacción do proxecto do tramo Monforte Este-Babela.  “Tendo en conta que non contestan aos que preguntamos, entendemos que non executaron nada en relación con esta autovía na nosa provincia dende fai 7 anos. Nin un só euro”, inciden os senadores populares.

Os senadores do PP por Lugo xa advertiran de que o Goberno de Sánchez non tiña “planificación nin prazos” para a execución desta infraestrutura que serviría como alternativa á nacional N-120 favorecendo a comunicación do interior de Galicia coa Meseta e a vertebración das comarcas de Quiroga, Lemos e Valdeorras.

“Despois de sete anos de Gobernos de Pedro Sánchez, o único avance recoñecido oficialmente polo Ministerio é a redacción dun proxecto, sen que se informe de obras executadas, licitacións relevantes nin prazos para a continuidade da infraestrutura”, engaden.

“A resposta do Goberno confirma que a A-76 segue instalada na indefinición: sen investimentos coñecidos, sen cronograma e sen explicacións sobre o destino das partidas consignadas nos distintos exercicios orzamentarios”, advirten.

SEN COMPROMISO DE SÁNCHEZ E INCUMPRIMENTO DE PSOE E BNG

“O atraso nesta infraestrutura é un exemplo máis da falta de compromiso cos lucenses e do agravio constante cara a Galicia” por parte do Goberno de coalición que preside Pedro Sánchez que se caracteriza polas “políticas de abandono das infraestruturas da comunicación da provincia”, engaden.

“A falta de información clara sobre esta infraestrutura constitúe un claro incumprimento máis do pacto de investidura entre o PSOE e o BNG”. Polo que os senadores do PP cren que “o BNG tamén é corresponsable desta situación” e condenan que “sexa tan bravo en Galicia e tan manso en Madrid á hora de esixir ao Goberno de Sánchez o cumprimento do seu propio pacto”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios