O sindicato reivindica un modelo que combina mobilización, negociación e acción xurídica para transformar as demandas do profesorado en avances reais.
CCOO Ensino presenta as súas candidaturas ás eleccións sindicais do persoal docente do ensino público non universitario, que se celebrarán o vindeiro 3 de decembro, cun total de 912 persoas nas catro provincias galegas.
As candidaturas reúnen profesorado de todas as etapas educativas e de todo tipo de centros, con presenza nas cidades e no rural. Son compañeiras e compañeiros vinculados a arredor de 480 centros situados en 186 concellos galegos, que comparten o compromiso coa defensa do ensino público e coa mellora das condicións laborais de quen traballa nel.
A candidatura da Coruña, integrada por 292 persoas, está encabezada por Noelia Sánchez Vaamonde, profesora de Lingua Castelá e Literatura e secretaria xeral de CCOO Ensino. En Lugo, a lista reúne 112 persoas e ten á fronte a Alberto Caldeiro Pérez, profesor de Operacións e Procesos de Produción Agraria.
A candidatura de Ourense, con 304 persoas, está encabezada por Borja Campos Seijo, profesor de Xeografía e Historia. Pola súa banda, Montserrat Coello Rodríguez, mestra de Educación Física, encabeza a lista de Pontevedra, integrada por 204 persoas.
As mulleres teñen un protagonismo destacado nestas candidaturas: son 703 das 912 persoas que integran as listas, o 77,1 % do total. Estas cifras reflicten a aposta de CCOO Ensino pola participación e o liderado das mulleres na representación do profesorado e na defensa dun ensino público comprometido coa igualdade.
Con estas candidaturas, CCOO Ensino concorre ás eleccións coa aspiración de converterse na referencia sindical do ensino público galego. Unha aspiración apoiada na liña ascendente dos seus resultados na última década e na confianza nunha forma de entender a acción sindical que propiciou todos os avances nos dereitos e nas condicións laborais do profesorado durante estes anos. Melloras que son reais e constitúen unha base para seguir avanzando.
O que está en xogo nestas eleccións é a forza coa que o profesorado defenderá os seus dereitos durante os próximos catro anos. O resultado determina a representación nas xuntas de persoal e a representatividade das organizacións sindicais, da que depende a súa presenza e capacidade de negociación nas mesas correspondentes, tanto no ámbito galego como no estatal.
É neses espazos onde se trasladan as demandas dos centros e se negocian cuestións que afectan directamente o día a día do profesorado: horarios, retribucións, permisos, emprego, ratios ou atención á diversidade. Canto máis apoio reciba CCOO Ensino, máis forza terá para defender as reivindicacións do profesorado e traballar por novos avances reais.
Un sindicalismo que transforma reivindicacións en dereitos
CCOO Ensino defende un modelo sindical que parte da escoita nos centros a través das máis de 10000 asembleas celebradas nos últimos catro anos, coñece os problemas do profesorado e emprega todas as ferramentas dispoñibles para resolvelos: a mobilización cando é necesaria, a negociación firme e a acción xurídica cando corresponde.
Fronte a un modelo baseado na confrontación permanente e que leva desde 2008 sen asinar nada coa Consellería de Educación, CCOO Ensino participou durante estes anos en acordos que permitiron converter reivindicacións históricas en melloras para o profesorado.
Entre elas están a recuperación íntegra da parte galega das pagas extraordinarias, o cobro íntegro desde o primeiro día de baixa, a homologación co resto de comunidades autónomas e outras melloras retributivas, así como a redución de ratios e o cómputo dobre ou triplo de determinado alumnado para efectos de ratio.
Nos últimos anos tamén se avanzou na redución do horario lectivo: acadáronse as 23 horas lectivas en Infantil e Primaria e recuperáronse as 18 sesións lectivas en Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial. A isto súmanse melloras na atención á diversidade, con máis dotación de profesorado de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e Orientación, e un maior recoñecemento para titorías, coordinacións e funcións directivas.
E do mesmo xeito conseguíronse melloras como na conciliación para o persoal interino e substituto, eliminouse a obriga de ter que presentarse ás oposicións para manterse nas listas de substitucións e estase avanzando para implantar un moderno e máis eficaz sistema de chamamentos a través dun aplicativo web.
Estes avances son froito do traballo colectivo, da presión sindical e da negociación. Para CCOO Ensino, os acordos non son un punto final: cómpre vixiar o seu cumprimento, defender a súa aplicación e seguir traballando para melloralos. Por iso, o sindicato mantén abertas todas as vías de actuación, incluída a xudicial cando é necesaria.
O sindicalismo non consiste só en sinalar os problemas, senón tamén en ofrecer solucións e comprometerse para conseguir melloras reais.