A Deputación da Coruña apoia o Pasaporte da Biosfera, unha iniciativa para descubrir o territorio das Mariñas Coruñesas selo a selo

O vicepresidente, Xosé Regueira, participou esta mañá na presentación da iniciativa, que promove as visitas a centros e museos da Reserva e contribúe a dinamizar o turismo durante todo o ano.

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas presentou esta mañá o Pasaporte da Biosfera, unha nova ferramenta para animar a veciñanza e as persoas visitantes a descubrir o patrimonio natural, cultural e etnográfico do territorio. O proxecto conta co apoio da área de Turismo da Deputación da Coruña e foi presentado nun acto celebrado no Noa Boutique Hotel de Oleiros, no que participou o vicepresidente, Xosé Regueira.

O pasaporte, de carácter gratuíto e inspirado na credencial do Camiño de Santiago, permitirá reunir selos tras visitar doce centros de interpretación e museos da Reserva, repartidos por diferentes concellos. A iniciativa busca favorecer o coñecemento do territorio, diversificar os fluxos turísticos ao longo de todo o ano e poñer en valor os recursos patrimoniais, os produtos locais e as empresas vinculadas á Marca de Calidade da Reserva.

Durante a presentación, Xosé Regueira destacou o traballo da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas como “un exemplo para o conxunto da provincia, tanto pola súa capacidade para impulsar proxectos e sumar concellos como pola colaboración co tecido empresarial”. O vicepresidente sinalou que a Deputación comparte plenamente o modelo de desenvolvemento turístico que promove a entidade, baseado na “sustentabilidade real e no equilibrio entre a protección da identidade e do territorio e a xeración de oportunidades económicas”. Neste sentido, subliñou a importancia de implicar o sector privado nas dinámicas turísticas para que estas se traduzan en novas oportunidades e actividade económica no territorio.

Regueira tamén puxo en valor a consolidación do destino e o traballo dos equipos técnicos da Reserva e dos concellos, fundamentais para impulsar e xestionar proxectos turísticos sólidos durante todo o ano. «Temos talento e territorio», afirmou, reivindicando a importancia de seguir aproveitando ese potencial desde a planificación e a sustentabilidade.

O Pasaporte da Biosfera permitirá coñecer doce espazos de interese repartidos pola Reserva. As persoas participantes poderán conseguir o documento nas oficinas de turismo e nos centros asociados, así como descargalo na web turismo.marinasbetanzos.gal.

Ademais de incentivar as visitas, o proxecto incorpora un sistema de promocións e recompensas. As persoas que reúnan un mínimo de oito selos de centros diferentes poderán recibir, ata fin de existencias, o Kit do Ecoturista das Mariñas Coruñesas. Tamén poderán participar en sorteos de produtos locais e experiencias vinculadas ás empresas certificadas, entre elas propostas gastronómicas, estancias e actividades de ecoturismo.

Con esta iniciativa, a Reserva reforza a súa aposta por un turismo sostible, descentralizado e conectado coa identidade local, capaz de xerar actividade económica e contribuír á conservación e divulgación dos valores do territorio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios