O encontro reúne profesionais das bibliotecas públicas nunha xornada de formación, reflexión e intercambio de experiencias arredor da innovación tecnolóxica, a promoción da lectura e a participación cidadá
A Deputación da Coruña inaugurou esta mañá no Pazo de Mariñán a segunda edición das Xornadas das Bibliotecas Municipais da Provincia da Coruña, un encontro que reúne profesionais do sector para abordar os principais desafíos que afrontan as bibliotecas públicas e reflexionar sobre as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías, especialmente a intelixencia artificial. A deputada de Cultura, Natividade González, participou na apertura dunha xornada que combina formación especializada, propostas prácticas e intercambio de experiencias co obxectivo de reforzar o traballo das bibliotecas municipais e o seu papel como servizos públicos esenciais.
Durante a inauguración, Natividade González puxo en valor a importancia das bibliotecas como “espazos de acceso democrático á cultura, á información e á lectura, pero tamén como lugares de encontro, aprendizaxe e participación cidadá”. González referiuse tamén á transformación que están a experimentar estes servizos coa incorporación das novas tecnoloxías e afirmou que “a intelixencia artificial abre novas posibilidades, pero tamén formula interrogantes e riscos que debemos coñecer e abordar. O importante é que as bibliotecas poidan aproveitar estas ferramentas sen perder a súa esencia nin a súa función social, mantendo sempre as persoas no centro”.
Precisamente, un dos eixos centrais desta segunda edición é o impacto da intelixencia artificial no presente e no futuro das bibliotecas públicas. O programa conta coa participación de representantes da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), do Grupo de Tecnoloxías da Información (Grupo Nós) e do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, que achegan diferentes perspectivas sobre os retos e as oportunidades desta transformación. A dimensión práctica ten tamén un espazo destacado coa intervención de Manuel Gago, xornalista, divulgador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, que aborda as posibles aplicacións da intelixencia artificial no traballo cotián das bibliotecas e as oportunidades que ofrece para mellorar os seus servizos.
A promoción da lectura e a capacidade das bibliotecas para crear comunidade constitúen outro dos grandes bloques das xornadas. As escritoras Antía Yáñez e Marta Villar comparten as súas experiencias na coordinación de clubs de lectura e achegan recursos e metodoloxías para fomentar a participación e consolidar estes espazos de encontro arredor dos libros.
O programa inclúe tamén unha sesión dedicada a eBiblio, o servizo público de préstamo de libros electrónicos, audiolibros e outros contidos dixitais. A intervención permite afondar nas posibilidades desta plataforma para ampliar o acceso á lectura máis alá dos espazos físicos das bibliotecas, así como nas ferramentas que facilitan unha experiencia lectora adaptada ás necesidades de diferentes persoas usuarias.