O concelleiro de Benestar Social, Gustavo Díaz, mantivo un encontro con alumnado do Lycée Joseph Saverne de L’Isle Jourdain, preto de Toulouse, que visita a cidade nun intercambio co IES Nosa Señora dos Ollos Grandes.
O concelleiro de Benestar Social do Concello de Lugo, Gustavo Díaz, recibiu na Casa Consistorial un grupo de estudantes franceses do Lycée Joseph Saverne de L’Isle Jourdain, preto de Toulouse, que se atopan na cidade participando nun intercambio do programa Erasmus en colaboración co IES Nosa Señora dos Ollos Grandes.
A recepción permitiu ao alumnado coñecer de primeira man o funcionamento das institucións españolas e afondar nas políticas migratorias e de acollida desde a perspectiva da Administración local.
Durante o encontro, os estudantes amosaron especial interese pola organización territorial do Estado español e polo reparto de competencias entre a Administración xeral do Estado, as comunidades autónomas e os concellos. Neste sentido, Gustavo Díaz explicou as principais características do modelo autonómico e as responsabilidades das distintas administracións en ámbitos como a sanidade, a educación, a estranxeiría e o asilo.
A conversa tamén abordou os procedementos legais relacionados coa inmigración, entre eles as diferentes vías de acceso á residencia, os requisitos para obter a nacionalidade española e o funcionamento do sistema de acollida das persoas solicitantes de protección internacional.
O concelleiro destacou especialmente o papel dos concellos como administración de proximidade e primeiro punto de referencia para moitas persoas que chegan ao noso país. Neste contexto, explicou a importancia do empadroamento municipal para facilitar o acceso aos servizos públicos, así como o labor de información, orientación e acompañamento que desenvolven os servizos sociais municipais.
Gustavo Díaz lembrou tamén a tradición histórica de Galicia como terra de emigración e sinalou que «a nosa propia historia axúdanos a comprender mellor a realidade das persoas que hoxe chegan ao noso territorio. Esa experiencia permítenos entender a migración non como un problema, senón como unha oportunidade».
Finalmente, o responsable municipal de Benestar Social agradeceu aos estudantes franceses o seu interese por coñecer a realidade social e institucional de Lugo e destacou a importancia de programas de intercambio como Erasmus para favorecer o coñecemento mutuo, o diálogo e a convivencia entre a mocidade europea.