A Asociación As Carballeiras lamenta a escasa limpeza no entorno rural de Lugo

A Asociación Veciñal As Carballeiras quere amosar a súa preocupación pola escasa limpeza e mantemento que presentan distintos camiños e espazos do entorno rural do municipio de Lugo, unha situación que afecta tanto á imaxe das parroquias como ao aproveitamento destes espazos.

Dende a entidade veciñal sinalan que a acumulación de maleza e a falta de actuacións periódicas de conservación son unha constante en diferentes puntos do rural lucense, dificultando o tránsito e limitando as posibilidades de desenvolvemento de iniciativas que buscan poñer en valor o patrimonio natural e paisaxístico das parroquias.

Neste sentido, As Carballeiras destaca o caso dunha das rutas situadas na parroquia da Cuiña, actualmente en estudo para a posta en marcha dun roteiro promovido pola propia asociación. Segundo indican, o estado de conservación dalgúns tramos evidencia a necesidade de reforzar os labores de limpeza para garantir unhas condicións adecuadas de uso e seguridade.

A asociación considera que o mantemento dos camiños e das rutas rurais debe formar parte das prioridades municipais, non só polo seu valor ambiental e patrimonial, senón tamén polo papel que poden desempeñar na promoción do ocio saudable e da dinamización das parroquias.

Por este motivo, As Carballeiras solicita ao Concello de Lugo que incremente os esforzos destinados á limpeza e conservación do entorno rural, garantindo un mantemento regular que permita preservar estes espazos e favorecer o seu desfrute por parte da veciñanza.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios