A recuperación da dinámica mareal permitiría mellorar a conectividade ecolóxica deste espazo e favorecer a presenza de invertebrados mariños dos que se alimentan as aves.
A delegación de ADEGA na Coruña pide eliminar as comportas da «lagoa» de Fonteculler, no paseo da ría do Burgo, para que recupere a súa dinámica mareal. A asociación ecoloxista propón aproveitar as obras de reparación da pasarela para executar accións encamiñadas á renaturalización efectiva este entorno tan humanizado.
Unha oportunidade de restauración ecolóxica
A ría do Burgo nunca tivo tan pouca superficie como na actualidade. Tanto as obras de dragado, como a construción dos paseos marítimos fixeron que xa non exista na actualidade ningunha zona virxe de ribeira. A desaparición de hábitat mariño é a principal causa de deterioro dos ecosistemas litorais, despois incluso da contaminación por verteduras.
Neste contexto, a apertura da lagoa supoñería un primeiro paso na renaturalización da contorna e melloraría a conectividade ecolóxica. A entrada e saída da auga da marea neste pequeno estanque artificial faise a través dunhas comportas que se atopan debaixo dunha pasarela de madeira. Esta pasarela leva varios meses pechada debido ao deterioro sufrido ao longo do tempo. Agora, o Concello de Culleredo pídelle á Demarcación de Costas reparar a pasarela e construír outra de cemento con tirantes.
ADEGA suxire ás dúas administracións que aproveiten estas obras para abrir a entrada natural de auga nese espazo. A instalación da nova pasarela obrigará a cambiar os seus apoios, polo que é unha boa oportunidade para retirar as comportas. Ademais, esta aposta encaixa coa Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL) promulgado polo Concello de Culleredo; un instrumento de planificación estratéxica pensado para promover o desenvolvemento sustentable dun territorio, integrando tanto factores sociais como ambientais co obxectivo de acadar unha transformación real.
A «lagoa» de Fonteculler
A “lagoa” de Fonteculler é unha pequena acumulación de auga creada de forma artificial no paseo da ría do Burgo. Este espazo, que máis ben debería chamarse estanque de Fonteculler, foi construído nos anos 90 ao tempo que o paseo marítimo. Anteriormente, a costa facía neste lugar unha pequena baía moi pronunciada, feito aproveitado para construír o paseo sobre uns diques que a pechaban. A pesar de ser unha acumulación de auga artificial sen moito sentido, hoxe en día é utilizada por moitas aves para alimentarse e conserva valores ambientais no litoral de Culleredo.
Con todo, as comportas impiden a libre circulación de animais mariños. Os moluscos bivalvos ou os anélidos poliquetos, por exemplo, teñen dificultades para colonizar de xeito estable ese espazo, xa que seguen os ritmos mareais para a súa alimentación. Estes invertebrados que viven nos fondos da ría son a base da pirámide trófica, e serven de alimento para numerosas aves, lontras e outros animais mariños. Por iso, favorecer a súa presenza contribúe, ao mesmo tempo, á conservación das aves protexidas que habitan a ría do Burgo.