Unha feira gratuíta achegará a robótica ás familias en Santiago

Será o venres 27 de novembro, de 17.00 a 19.00 horas, e pecha a xornada estatal da Semana Europea da Robótica ‘Robota: Cultura robótica’.

O CIFP Politécnico de Santiago abrirá as súas portas ás familias, ao alumnado e ao público en xeral o venres 27 de novembro cunha feira gratuíta de experimentación e robótica. A feira pechará Robota: Cultura robótica, a xornada estatal da Semana Europea da Robótica que organiza HispaRob por primeira vez en Galicia co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración de ALLKNOW Education.

A Semana Europea da Robótica é a principal campaña europea de divulgación neste ámbito. Está impulsada por euRobotics e cada ano participan nela centos de entidades europeas. No caso español, a responsable de coordinar a súa celebración é HispaRob, que este ano quere amosar os usos da robótica en ámbitos como a industria, a educación, o coidado das persoas maiores ou os servizos de emerxencia.

Na tarde do venres 27, entre as 17.00 e as 19.00 horas, o vestíbulo e a biblioteca do CIFP Politécnico de Santiago acollerán unha decena de actividades prácticas pensadas para achegar a ciencia e a tecnoloxía desde idades temperás. As persoas asistentes poderán conversar con pequenos robots dotados de intelixencia artificial, dar os primeiros pasos en robótica co robot Otto ou programar o robot Sphero Indi. Tamén haberá retos de programación con distintos robots, circuítos creativos para pintar e acender, programación sen pantallas con pezas táctiles e unha aventura en Minecraft Education para descubrir e protexer os ríos.

A robótica espacial e a realidade virtual terán tamén o seu espazo, e poderase ver de preto como traballa un robot colaborativo nunha maqueta coas aplicacións máis habituais destes robots na automoción. O propio alumnado do CIFP Politécnico ensinará os proxectos de robótica que desenvolveu nas aulas: un brazo robótico que pinta, outro que repón material nun almacén e dous robots que coordinan entre si a loxística de mercadorías. Ademais do estudantado do centro, na feira participarán ALLKNOW Education, JOVI, Letcraft Educación, Camp Tecnológico, DIDAC, TBKids, Sistema THEAD e Jaka Robotics.

A asistencia é gratuíta, pero require inscrición previa na web do evento. Pola mañá, o mesmo centro acollerá a xornada profesional, cunha mostra de robótica en vivo e mesas sobre robótica social e de emerxencias, coa presenza da directora xeral de Formación Profesional da Xunta, María Eugenia Pérez Fernández; do presidente de euRobotics, Francesco Ferro, e da presidenta de HispaRob, Jorgina Díaz.

Sobre HispaRob

A Plataforma Tecnológica Española de Robótica, HispaRob, agrupa empresas, centros de investigación, universidades e administracións implicadas no desenvolvemento e na integración da robótica na sociedade. É coordinadora nacional da European Robotics Week, promovida por euRobotics, e membro da alianza STEAM polo talento feminino Niñas en pie de Ciencia.

Xornada HispaRob «Robota: Cultura robótica»

Semana Europea da Robótica 2026 (#ERW2026)

Santiago de Compostela, 26 e 27 de novembro de 2026

CIFP Politécnico, Santiago de Compostela

Comparte éste artículo
No hay comentarios