O xefe da Policía Local, José Antonio Chao, falará sobre seguridade cidadá nunha charla no Campus Industrial de Ferrol

O presidente da Asociación de Alumnos e Exalumnos da UDC Sénior en Ferrol, Antonio Polo, e a alumna da Facultade de Ciencias do Traballo, Elena Mosquera, entrevistarán ao responsable policial sobre as principais preocupacións da cidadanía en materia de seguridade.

A Aula Magna da Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol acollerá, o vindeiro xoves 26 de novembro, ás 11:30 horas, a charla “Cidadanía Segura”, que terá como protagonista ao xefe da Policía Local de Ferrol, José Antonio Chao. A actividade está organizada pola Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, impulsada conxuntamente pola Universidade da Coruña (UDC) e pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. 

Durante a sesión abordaranse cuestións de especial interese social como a policía de proximidade e a atención ás persoas maiores, a efectividade das denuncias e a resposta ás demandas cidadás ou a seguridade nos espazos públicos e nas zonas de lecer, entre outras. A actividade busca fomentar unha reflexión compartida sobre a importancia de contar cunha policía próxima, accesible e preventiva, que sexa quen de responder ás necesidades da cidadanía e de contribuír a unha convivencia máis segura.

A charla desenvolverase en formato de entrevista e contará coa participación do presidente da Asociación de Alumnos e Exalumnos da UDC Sénior en Ferrol, Antonio Polo, e da alumna do máster en Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns da Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol, Elena Mosquera. Ambos os dous trasladaranlle ao xefe policial as preocupacións, experiencias e demandas de seguridade de diferentes xeracións.

Esta proposta divulgativa está dirixida a toda a comunidade universitaria e aberta ao público xeral interesado. A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo da Aula Magna. As persoas interesadas en asistir á charla poden obter máis información enviando un correo electrónico a sonia.zaragoza1@udc.es. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios