O presidente provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez e a directora de Deportes, Xisela Aranda, corta a cinta inaugural dunha carreira de 10 quilómetros polas rúas da capital que esgotou as reservas resultou un completo éxito de participación.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, completou este domingo os 10 quilómetros de percorrido pola cidade de Pontevedra da quinta proba do circuíto “Entre Pontes Trail & Running” que promove a Deputación por distintos puntos da provincia. O mandatario provincial tomou a saída, xunto con outros cincocentos corredores, no Paseo de Montero Ríos para dar dúas voltas a un circuíto que chegaba ata a Xunqueira de Alba para rematar novamente diante do Pazo provincial. Ao remate da proba, o dirixente tomou parte do acto de entrega de premios.
“Non hai choiva que free o avance da provincia do deporte. Este ano puxemos en marcha por primeira vez desde a Deputación o Circuíto Entre Pontes e a acollida foi insuperable: cheo tras cheo e reservas esgotadas en cuestións de minutos”, destacou o dirixente antes de cortar a cinta para iniciar a carreira, momento que aproveitou para agradecer a participación de todos os participantes e convidar a todos os presentes a desfrutar dunha xornada de deporte ao aire libre que inclúe andaina e actividades infantís.
Entre Pontes Trail & Running é un novo circuíto deportivo promovido pola Deputación de Pontevedra, formado por seis xornadas, tres carreiras 10 quilómetros e tres trails de 14 quilómetros, todas elas acompañadas de actividades paralelas como andainas, carreiras infantís e unha zona de food trucks para repoñer forzas. Todas as probas son de balde e, despois do éxito desta primeira edición do circuíto, que rematará o vindeiro mes de decembro en Moaña cunha proba de trail, a Deputación reforzará a súa aposta polo deporte cunha nova edición que sumará a disciplina de BTT ao circuíto Entre Pontes.