Rompendo o silencio
Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero, desde a Revolta de Mulleres na Igrexa / Alcem la Veu denunciamos a violencia sexual, estrutural e simbólica que sufrimos as mulleres dentro da Igrexa católica e que permaneceu —e aínda permanece— invisibilizada e silenciada.
Nesta xornada non podemos ignorar as múltiples formas de violencia que existen no seo da Igrexa católica: a que ocorreu e segue a ocorrer nas nosas parroquias, na vida relixiosa e noutros ámbitos eclesiais. Aínda que o silencio se vai rompendo aos poucos no que respecta á terrible realidade dos abusos a menores, os abusos de poder, económicos, de conciencia, espirituais, psicolóxicos e sexuais contra as mulleres continúan moito máis ocultos e estigmatizados.
O abuso provoca consecuencias humanas e espirituais devastadoras: esgaza a vida e os corpos das mulleres, así como as propias comunidades. Cando a Igrexa cala, encobre ou protexe a quen exerce a violencia, deixa desamparadas a quen máis precisan ser escoitadas e acompañadas. O silencio non é neutral: favorece a impunidade e perpetúa o dano.
Ao longo da historia, as mulleres aprendemos a calar, xustificar e minimizar situacións de abuso de poder, control espiritual, silenciamento e desprezo da nosa palabra. Invisibilizáronse violencias machistas: prácticas cotiás, normalizadas e lexitimadas por estruturas patriarcais sacralizadas. Estas violencias non sempre se manifestan como agresións explícitas; pódense producir tanto por acción como por omisión, mediante coaccións que xeran sufrimento e dano.
A violencia contra as mulleres na Igrexa non é unha suma de feitos illados nin unha cuestión de comportamentos individuais. A institución eclesial non é allea ás estruturas patriarcais que xeran desigualdade. Por iso, non se pode abordar como un asunto interno nin resolverse con respostas puntuais, protocolos que non se traducen en prácticas efectivas ou declaracións institucionais sen cambios reais. O que está en cuestión non é unicamente como responde a Igrexa ante os abusos cometidos, senón que estruturas, relacións e formas de exercer o poder permitiron que se produzan e os perpetúan.
Como mulleres crentes e feministas, comprometidas coa dignidade, a igualdade e a xustiza de xénero, reclamamos hoxe unha auténtica transformación eclesial que comece por escoitar as vítimas e sobreviventes, recoñeza o dano causado e garanta xustiza e reparación. Exiximos tamén erradicar o clericalismo, recoñecer a palabra e a autoridade das mulleres e transformar as estruturas que nos relegan a lugares de subordinación.
Por todo iso, este 25 de novembro as feministas cristiás, inspiradas e sostidas polo Evanxeo como Boa Nova de liberación, sairemos ás rúas rompendo o silencio para denunciar a violencia machista tamén no interior da Igrexa. Facémolo convencidas de que «se abusan dunha, abusan de todas» e reclamando verdade, xustiza e reparación.
Polo fin dos abusos e das violencias contra as mulleres na Igrexa: nin mudas nin cómplices!
Revolta de Mulleres na Igrexa – Alcem la Veu