Antonio Ameijide: “Falamos de oportunidades perdidas durante anos, de municipios que fixeron o seu traballo e cumpriron coa parte que lles correspondía, pero que seguen agardando por unha Deputación que non estivo á altura das súas obrigas, e que hoxe recoñecen que non son capaces de facer como goberno en 20 anos o que facía o anterior goberno do PP pola provincia”.
Os deputados do Grupo Provincial Popular lamentan “a constante negativa” de PSOE e BNG a impulsar polígonos industriais na provincia de Lugo “a pesar de ter asinados compromisos dende hai moitos anos”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, lamentou que “PSOE e BNG seguen negándose a cumprir coas súas obrigas, así como a materializar compromisos asinados cos veciños da provincia de Lugo”.
Entre eses compromisos adquiridos, dende hai anos, en materia industrial destacan os adquiridos cos concellos de Baralla e Riotorto para o desenvolvemento das súas respectivas áreas industriais, paralizadas desde hai case dúas décadas.
Antonio Ameijide denunciou durante o pleno que é “incomprensible que a Deputación leve tantos anos dando as costas a dous municipios que precisan de solo industrial para atraer empresas, xerar actividade económica e crear oportunidades de emprego”.
Neste senso, “non se pode falar de traballar contra o despoboamento e, ao mesmo tempo, meter nun caixón proxectos fundamentais para o futuro económico dos concellos da provincia”.
No caso de Baralla, a antiga Suplusa adquiriu no ano 2005 300.000 metros cadrados de terreos, no lugar de Vilartelín, unha localización estratéxica pola súa proximidade á A-6, cun investimento de 1,5M€.
Por outra banda, en Riotorto, o Concello e a antiga Suplusa asinaron tamén en 2006 un convenio para a construción dunha área industrial, no lugar de Vilarín. A sociedade provincial debía asumir as actuacións previas necesarias, entre elas a adquisición dos terreos e o proxecto de urbanización. Pola súa banda, o Concello chegou a aprobar definitivamente este proxecto, pero o desenvolvemento da actuación nunca se materializou.
Antonio Ameijide lembrou que coa chegada do PSOE e do BNG ao goberno provincial, “estes compromisos quedaron paralizados, igual que outras iniciativas para dotar de solo industrial a distintos municipios da provincia”.
“Falamos de oportunidades perdidas durante anos, de municipios que fixeron o seu traballo e cumpriron coa parte que lles correspondía, pero que seguen agardando por unha Deputación que non estivo á altura das súas obrigas”, afirmou.
FALLOS SISTEMA COMETA
Os deputados populares tamén defenderon no pleno unha moción sobre os fallos do Sistema Cometa e para a protección das vítimas de violencia de xénero, que se aprobou cos votos a favor dos propios deputados populares e do BNG, a pesar do voto en contra dos deputados socialistas e de José Tomé.
Dende o Grupo Provincial Popular defenderon unha proposta para instar ao Goberno de España a publicar con urxencia os resultados de auditorías e investigacións de 2024 a 2026 e a achegar datos desagregados por provincias en Galicia sobre as incidencias rexistradas no sistema. Así mesmo, se reclama información detallada sobre o novo contrato e as melloras técnicas á Comisión de Seguimento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, a substitución progresiva dos equipos con deficiencias para protexer as usuarias actuais, maiores controis e sancións disuasorias, e medidas específicas para corrixir os fallos de cobertura e xeolocalización no territorio galego.