A UDC reivindica o seu compromiso coa eliminación da violencia machista

A Facultade de Informática acolleu o acto institucional da Universidade da Coruña con motivo do 25N, conmemoración que mañá se levará ao Campus de Ferrol.

A Facultade de Informática acolleu hoxe o acto institucional da Universidade da Coruña con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres (25N), no que se deu lectura ao manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIGEU).

A lectura do texto correu a cargo da vicerreitora do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social, Ana Ares. No manifesto, a UDC reafirma o seu compromiso coa eliminación das violencias machistas e lembra que estas non son alleas ao ámbito universitario, xa que tamén poden manifestarse nos campus, nas aulas, nos espazos de investigación ou nas contornas dixitais. Neste contexto, reivindícase a responsabilidade das universidades para garantir espazos seguros, inclusivos e respectuosos para toda a comunidade.

O documento incide na importancia de identificar e desnormalizar comportamentos que poden preceder ou encubrir situacións de violencia, como o control, a humillación, as ameazas, a presión sexual ou a difusión de contidos íntimos sen consentimento. Ademais, subliña que o consentimento debe ser sempre libre, explícito e revogable e que a prevención e a resposta fronte ás violencias machistas constitúen unha responsabilidade colectiva.

Alerta tamén sobre os discursos negacionistas que cuestionan ou minimizan a violencia de xénero e advirte dos riscos asociados ao debilitamento das políticas públicas de igualdade e dos mecanismos de protección ás vítimas. Fronte a estas posicións, reivindica o papel da educación, da investigación e do pensamento crítico como ferramentas fundamentais para combater a desinformación e avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria.

A través de RUIGEU, as universidades públicas reclaman manter a igualdade como unha prioridade institucional estable, dotada dos recursos necesarios, e fan un chamamento a seguir traballando de forma coordinada na prevención das violencias machistas e na defensa dos dereitos das mulleres, da igualdade e da democracia.

Premios Ángeles Alvariño e María Balteira

Tras a lectura do manifesto, entregáronse os premios Ángeles Alvariño aos mellores Traballos de Fin de Grao (TFG) con perspectiva de xénero. Na categoría de Ciencias Sociais e Xurídicas, o primeiro premio foi para Jessica Senín Magán por “Masculinidades hexemónicas na era dixital: manosfera na mocidade e a resposta socioeducativa a través do estudo de caso do proxecto Bróders”. En Artes e Humanidades, o galardón recaeu en Violeta Meléndrez Doval por “Dorothy’s Words’ Worth: «A Hidden Bird that Sang». The Marginalization of Dorothy Wordsworth in the Literary Canon”.

Na área de Enxeñaría e Arquitectura, o primeiro premio foi para Yago Fernández Rego polo traballo “Language Model Evaluation in Regard to Gender Diversity and Non-binary Galician Language”, mentres que en Ciencias e Ciencias da Saúde foi recoñecida Andrea López Seijas por “Experiencia de los profesionales de enfermería ante la violencia de género en mujeres mayores con dependencia funcional bidireccional”.

No marco da xornada tamén se entregaron os galardóns da VII edición do Concurso María Balteira de Creacións Artísticas para a Prevención das Violencias Sexistas na Universidade da Coruña. Na categoría de cartel resultou gañadora Andrea Valella Fernández e na de poema, María Pérez Sánchez.

Lectura do manifesto de CRUE

Coincidindo coa conmemoración do 25N, o reitor da UDC, Ricardo Cao, participou en Madrid na lectura do manifesto promovido pola Conferencia de Reitores e Reitoras das Universidades Españolas (CRUE), realizada minutos antes do inicio da súa Asemblea Xeral.

No texto, CRUE reafirma o compromiso das universidades españolas fronte á violencia contra as mulleres e reivindica o papel da educación superior na construción dunha sociedade libre de violencia machista. O manifesto chama a «alzar a voz por todas as mulleres que sufriron violencia, polas que aínda non puideron pedir axuda, polas que xa non poden facelo: poñemos a ciencia, o coñecemento e a formación ao servizo da sociedade para construír, entre todas e todos, un futuro libre de violencias contra as mulleres”, ao tempo que destaca a capacidade transformadora da formación en igualdade e o papel do estudantado como axente de prevención e protección fronte a calquera forma de violencia contra as mulleres.

Comparte éste artículo
No hay comentarios