O Concello de Lugo celebrou o acto central do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha convocatoria institucional de lembranza das vítimas e de rexeitamento a todas as formas de violencia machista. A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, deu a benvida ás persoas asistentes e destacou a importancia de manter viva a memoria das vítimas e de traballar desde as institucións e a sociedade para que todas as mulleres poidan vivir libres de violencia machista.
Candia expresou o seu «profundo desexo de que chegue o momento en que non sexa necesario conmemorar o 25N» e trasladou o compromiso do Concello de poñer todos os recursos ao seu alcance para que ningunha muller teña que recorrer ao amparo institucional por este motivo. A alcaldesa incidiu tamén na importancia da coordinación entre as institucións e agradeceu o traballo de todas as persoas e entidades implicadas nesta loita.
Durante o acto lembrouse que, no que vai de ano, 47 mulleres foron asasinadas en España a mans das súas parellas ou exparellas. Tamén se tivo presente a violencia exercida contra os menores: tres nenos e nenas foron asasinados no contexto da violencia de xénero e 38 menores quedaron orfos en 2026.A declaración institucional do Concello recolle unha mensaxe de especial relevancia ante estas cifras: «Cada caso representa unha vida truncada, unha contorna familiar afectada». O texto lembra tamén que a erradicación da violencia machista require manter e reforzar a prevención, a protección e a atención integral ás vítimas».
A lectura do manifesto correu a cargo de Sarais Antonieta Aponte, usuaria da Casa da Muller, que lembrou ás mulleres vítimas da violencia machista, ás que viven baixo a ameaza, o control ou o maltrato, así como ás súas fillas e fillos e ás familias que sofren as consecuencias desta violencia. O manifesto incidiu na necesidade de actuar sobre as causas da violencia, prestar especial atención á mocidade e ás novas formas de violencia dixital e promover relacións baseadas no respecto, no consentimento, na liberdade e no bo trato. Tamén apelou á responsabilidade compartida das administracións e da sociedade.
A parte musical estivo protagonizada por Noelia Geada, acompañada ao piano por David Taboada.A concelleira de Muller e Igualdade, Aurora Goás, expresou o desexo de que non houbese razón para conmemorar esta data, lembrando que ningunha forma de violencia contra as mulleres debería ter cabida na sociedade.O acto concluíu cunha ofrenda floral no monólito dedicado ás mulleres que perderon a vida por mor da violencia machista, situado no entorno do Ginkgo biloba, coñecido como a árbore da vida.Na convocatoria participaron a alcaldesa de Lugo, membros dos distintos grupos da Corporación municipal e representantes da sociedade civil e de diferentes entidades da cidade, que se sumaron a esta conmemoración e expresaron o seu rexeitamento á violencia contra as mulleres.