A competición reunirá preto de 800 atletas e as súas familias e contará co apoio do Concello.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo unha reunión con Manuel Ignacio Castro-Gil Iglesias, presidente do Club Atletismo Lucus Caixa Rural Galega, para abordar a organización do Campionato de España de Atletismo Sub 16, que se celebrará en Lugo os días 12 e 13 de xuño.
A cita reunirá na cidade preto de 800 atletas e as súas familias, converténdose nunha importante oportunidade para dar visibilidade ao deporte lucense e atraer visitantes que poderán coñecer Lugo e a súa oferta.
Candia trasladou ao presidente do club o apoio do Concello para a organización desta competición e destacou o traballo que realizan os clubes deportivos da cidade na formación de deportistas e na promoción de Lugo por toda España.