Regueira reivindica a identidade galega como elemento diferenciador para a internacionalización do turismo

A Deputación colabora con esta iniciativa que pretende impulsar a internacionalización da provincia como destino turístico e abrir novas oportunidades de negocio para o tecido empresarial galego.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, participou esta mañá na penúltima xornada de Viaxa!, a feira profesional que reúne na provincia, do 23 ao 26 de novembro, máis de cen empresas do sector turístico e preto de 30 turoperadores internacionais co obxectivo de impulsar a internacionalización do destino e abrir novas oportunidades de negocio para o tecido empresarial galego. O acto, conducido polo xornalista Pablo Portabales, contou cun programa que puxo en valor dous dos grandes atractivos da oferta turística galega: a cultura e a gastronomía. O músico Xabier Díaz e o chef Luis Veira, do restaurante Árbore da Veira, foron os protagonistas das presentacións iniciais, nun acto no que tamén participou o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, o vicepresidente do Clúster Turismo de Galicia, Jesús Picallo, e o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Merelles.

Na súa intervención, Xosé Regueira reivindicou a identidade cultural galega como un dos grandes elementos diferenciais da oferta turística do país. “Somos un país con idioma propio, cultura, tradición e patrimonio. Somos un país que ama, que canta, que come e bebe ben. Para quen viaxa buscando un destino diferencial, chegar a Galiza é chegar a un territorio de sensacións. Somos, ademais, un país hospitalario”, afirmou.

O vicepresidente provincial vinculou esta identidade ao lema A paisaxe que sabe, que fala tanto dos saberes como dos sabores, e puxo como exemplo as achegas do cociñeiro Luis Veira e do músico e cantador Xabier Díaz no propio acto, aos que definiu como referentes dos seus ámbitos e motivo de orgullo para Galicia. Regueira felicitou tamén o Clúster Turismo de Galicia polo aproveitamento da liña de fomento da Deputación e lembrou que a función das institucións públicas é “favorecer que a actividade turística se traduza en negocio, vínculos comerciais e oportunidades para o territorio, xerando riqueza e benestar”. Neste sentido, animou os operadores internacionais a descubrir os tesouros que agocha a provincia, desde cidades como A Coruña ata espazos naturais e patrimoniais singulares, sen esquecer o Camiño de Santiago, “unha peza fundamental na construción de Europa”. Por último, destacou o valor da tradición oral e das historias que seguen vivas na sociedade galega como parte dunha experiencia turística auténtica: “Este legado é a cousa máis fermosa que se pode levar como viaxeiro”.

Viaxa! nace precisamente coa vontade de facilitar ese encontro entre oferta e demanda turística internacional, contribuíndo a abrir novos mercados e a favorecer a desestacionalización. A iniciativa, organizada pola Deputación da Coruña e o Clúster Turismo de Galicia, conta coa participación de preto dunha trintena de operadores procedentes de Portugal, Francia, Italia, Reino Unido, Países Baixos, Bélxica, Suíza, Polonia e India.

O programa combina unha viaxe de familiarización polo territorio, entre o 23 e o 26 de novembro, con dúas xornadas de encontros profesionais. A primeira, que se celebra hoxe na Coruña, está centrada nas experiencias singulares e no turismo premium, con espazos expositivos e reunións comerciais entre empresas e compradores. A segunda terá lugar mañá en Santiago de Compostela e estará dedicada ao Camiño de Santiago, cun formato de networking conversacional para intercambiar coñecementos sobre as rutas e os servizos asociados á experiencia peregrina.

Durante a viaxe de familiarización, os operadores internacionais teñen a oportunidade de coñecer sobre o terreo diferentes propostas de natureza, gastronomía e patrimonio, con paradas na Coruña, no museo MEGA de Estrella Galicia, no Xeoparque Cabo Ortegal e en Santiago de Compostela.

Somos un país con idioma propio, cultura, tradición, patrimonio. Somos un país que ama. Cantamos, comemos e bebemos ben. Para unha persoa que viaxa buscando un destino diferencial chegar a este país é chegar a un territorio de sensacións. Somos un país hospitalario.

A paisaxe que sabe fala de saberes e sabores. Saberes demostráronse aquí por parte dun cociñeiro extraoridinario refrente como Luís Veira e un músico e cantador como Xabier Díaz que é un orgullo.

Parabéns ao cluster de turismo por aprobeitar tan ben unha liña de fomento da Deputación. A nosa labor como institución pública é través do turismo favorecer o negocio, que se poidan establecer vínculos comerciais e que se traduzcan en oportunidades para o territorio, maior riqueza e benestar.

Ides coñecer zonas espectaculares, cidades como A oruña. Esta é unha peza fundamental na construcicón de Europa o camiño de Santiago. Este territorio agocha moitos tesouros. Aquí a xente ama, come, canta, bebe, e un país onde a tradición oral está viva, onde siguen contándose historias. Este legao é a cousa máis fermosa que se pode levar como viaxeiro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios