O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, recibiu o presidente da Real Academia Galega nunha xuntanza celebrada en San Caetano na que Henrique Monteagudo lle avanzou que a institución agarda presentar proximamente a Fundación Pro Academia. Na reunión tamén participaron a secretaria da RAG, Ana Boullón, e o vicesecretario, Lourenzo Fernández Prieto; e mais o conselleiro de Cultura, José López Campos.
Henrique Monteagudo informou o presidente da Xunta sobre a intensa rolda de contactos que a RAG mantivo nos últimos meses con empresas do país de cara a constituír unha fundación que impulse proxectos de apoio ao galego nos diversos sectores da sociedade e reforce o labor da Academia como institución centrada no estudo e na divulgación da lingua. A Academia está a realizar os trámites preceptivos para a constitución legal desta fundación da que, de acordo cos seus estatutos, a presidencia de honra lle corresponderá ao Presidente da Xunta.
A tramitación da reforma dos estatutos da Academia, presentada xa ante á Xunta para a súa aprobación, foi outro dos temas do encontro, no que tamén se abordaron as previsións da reapertura da sede da RAG. Tras se someter o edificio da rúa Tabernas da Coruña a unha rehabilitación integral, a RAG retomará proximamente a súa actividade neste histórico espazo.
Canto ao papel da RAG no desenvolvemento do novo Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado polo Parlamento de Galicia o pasado 7 de outubro e actualmente en marcha, ambas as partes concordaron na necesidade de abordalo nunha vindeira reunión monográfica.