A campaña afronta a súa recta final con alta participación nos 67 concellos da provincia e tíckets procedentes de máis de 2.700 establecementos comerciais.
O Gran Sorteo do Pequeno Comercio de Lugo suma máis de 29.000 boletos rexistrados desde a súa posta en marcha, o pasado 20 de outubro. Cando faltan apenas 4 días para o remate da campaña, a iniciativa impulsada pola Federación de Comercio co apoio da Deputación de Lugo, continúa sumando participacións e recibindo valoracións positivas por parte dos establecementos e da clientela.
A campaña chegou este xoves a Monforte de Lemos, onde se presentou o MG3 Hybrid+ que se sorteará entre as persoas participantes. O acto, que se desenvolveu na zona das Casitas da Compañía, contou coa presenza do presidente da Federación de Comercio, José María Seijas; o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera; o xerente do Centro Comercial Urbano, Ángel Folgueira; os concelleiros Gloria Prada e José Luis Losada; e o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé. Deron a coñecer a evolución da iniciativa e, unha vez máis, destacaron a importancia de apoiar os negocios de proximidade.
Esta parada forma parte do percorrido que o vehículo realizou por diferentes localidades da provincia para achegar a campaña á cidadanía e dar visibilidade aos pequenos establecementos. Tras as visitas a Lugo, Burela, Sarria e Vilalba, coa presentación do coche en Monforte de Lemos, finaliza a presentación da campaña, que percorreu a provincia de norte a sur. Neste senso, a campaña contou cunha alta participación nos 67 concellos da provincia, rexistráronse tíckets procedentes de máis de 2.700 establecementos comerciais.
A iniciativa busca dar visibilidade aos pequenos establecementos e incentivar as compras no comercio local durante as semanas previas ao Nadal, un período especialmente importante para a actividade deste tipo de negocios.
Compras superiores a 10 euros para participar e sorteo ante notario o 3 de decembro
As persoas que realicen compras superiores a 10 euros nos establecementos de comercio de proximidade da provincia de Lugo poden participar no sorteo rexistrando os seus tíckets na páxina web www.sorteocomercio.es/coche.
Ademais, os propios comerciantes teñen a posibilidade de rexistrar as compras en colaboración coa clientela. Esta modalidade permite obter unha participación adicional no sorteo. En ambos os casos, será necesario conservar ou fotografar o boleto como xustificante da compra.
O prazo para participar permanecerá aberto ata o vindeiro luns, 30 de novembro, polo que a cidadanía aínda está a tempo de participar e apoiar os negocios locais, especialmente neste período previo ao Nadal, que é especialmente importante para a actividade comercial.
O sorteo do MG3 Hybrid+ celebrarase o 3 de decembro, ante notario, no Pazo de San Marcos, en Lugo. A identidade da persoa gañadora darase a coñecer a través da web oficial da campaña.
O Gran Sorteo reafirma así o seu obxectivo de incentivar o consumo nos establecementos de proximidade e lembrar que cada compra no pequeno comercio contribúe a manter vivas as vilas e a fortalecer a economía local.